Skip to main content
Axenda Caducada

Lugo acollerá dende o vernes unhas xornadas sobre a atención aos maiores trala pandemia

Por 27 Setembro, 2021Outubro 2nd, 2021Sin comentarios

Estas segundas xornadas de traballo serán os días 1 e 2 de outubro, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores. Para participar é preciso inscribirse, de xeito gratuíto, no mail benestar@lugo.gal.

Abre esta semana en Lugo un foro de debate sobre a situación das persoas de maior idade tras a pandemia e sobre como debería abordarse a súa atención desde distintas disciplinas tendo en conta os trastornos causados neste tempo. Este foro serán as II Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores.

O encontro ten como obxectivo mellorar a coordinación dos recursos das diferentes administracións para efectivizar as prestacións e servizos públicos así como dar visibilidade a unha realidade que afecta no día a día aos nosos maiores tanto no ámbito sanitario como no familiar.

A segunda edición destas xornadas celebrarase os días 1 e 2 de outubro, no Auditorio do Vello Cárcere, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores (1 de outubro). Este foro, pioneiro no Concello, encheu o pasado ano as mesmas instalacións, obrigando a habilitar no patio destas instalacións unha pantalla para seguir as conferencias e mesas redondas que conformaban a programación.

Esta edición contará con recoñecidos expertos, como os presidentes das Sociedades Galega e Española de Xerontoloxía e Xeriatría, así como dun médico especialista en xeriatría, coordinador do programa Memoria e Demencias do Concello de Malága, Director do Centro Municipal de Envellecemento Saudable e Presidente da Sociedade Andaluza de Xeriatría e Xerontoloxía, José Manuel Marín Carmona.

Segundo os datos do padrón municipal de habitantes do Concello de Lugo, figuraban empadroadas un total de 99.396 persoas, das cales 21.832 tiñan máis de 65 anos, o que supón o 21,97% da poboación total do municipio, e ao redor de 5.000 viven soas.

As persoas que estean interesadas en asistir a estas xornadas deberán apuntarse, de xeito gratuíto, e até o próximo día 29 de setembro, a través do mail benestar@lugo.gal.

Organizaranse en torno a seis mesas de traballo para abordar, entre outros aspectos, a atención á soidade, os transtornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios ou a dependencia, ca participación de representantes non só de entidades para as que a atención aos maiores forma parte do seu quefacer cotiá como é o caso de Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu senón tamén de profesionais dos servizos de Xantar no Fogar, os centros de día, traballadores sociais e mesmo persoal sanitario e médico de diferentes áreas así como xornalistas de medios de comunicación local que achegarán o seu punto de vista.

O venres as xornadas arrincarán ás 09:00 horas e desenvolveranse ao longo da mañá e da tarde. A quenda da mañá estará protagonizada por colectivos sociais do municipio: Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, Asociación de dano cerebral sobrevido/adquirido de Lugo, Cruz Roja, Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, ALCER, FADEMGA e a FFVV, e a de tarde, será completamente sanitaria, onde participarán distintos médicos e médicas especialistas dos diversos servizos do Hospital Universitario Lucus Augusti (xeriatría, cardioloxía, psiquiatría, enfermidades infecciosas, urxencias, uci, …)

O sábado as xornadas terán lugar ao longo da mañá e concentrarán as intervencións dende o punto de vista do traballo social e da enfermería, así como de diversos colexios profesionais.