Skip to main content
Lugo

O Concello promociona o uso do bus nas actividades da USC

Por 28 Setembro, 2021Sin comentarios

O tenente de Alcalde, Rubén Arroxo e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montse Valcárcel anunciaron unha nova colaboración entre a área de Mobilidade e o Campus de Lugo para promocionar o uso do bus urbano entre a comunidade universitaria. O Goberno de Lugo realizará accións para promocionar o uso do bus nas actividades culturais organizadas pola Universidade dentro dos distintos ciclos, comezando co concerto de Bala que terá lugar este mércores no Auditorio Municipal Gustavo Freire, dentro do ciclo Lugo Cultural organizado pola USC en colaboración coas áreas de Cultura do Concello e a Deputación de Lugo.

Arroxo explicou que “coas novas liñas sae un bus do campus aproximadamente cada cuarto de hora, o que facilita enormemente os desprazamentos da comunidade universitaria”. Rubén Arroxo e Montse Valcárcel coincidiron ao destacar a conexión directa do Hula coa Escola Universitaria de Enfermería, o que permitirá, segundo afirmou Rubén Arroxo, “que as estudantes poidan desprazarse en bus urbano entre a facultade e o hospital para realizar prácticas”.

Rubén Arroxo animou ás integrantes da comunidade universitaria a obter a tarxeta cidadá para aforrar na viaxe en bus. Arroxo lembrou que no caso das estudantes, o prezo do transporte urbano está bonificado, custando só 31 céntimos o bono ordinario e só 19 o transbordo. O Tenente Alcalde anunciou que “aproximadamente un 20% dos usuarios do bus urbano son estudantes que se desprazan diariamente ao seu centro de ensino”, e engadiu que “con esta campaña buscamos que máis estudantes usen o bus como medio de transporte habitual”.