Skip to main content
Lugo

Comeza a instalación da iluminación do San Froilán e anuncian novos concertos

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

Deu comezo a montaxe da iluminación ornamental do San Froilán 2021, que se repartirá polas distintas zonas da cidade. A edil de Cultura anunciou tamén dous novos concertos para a praza de Santa María, Gatibu e Grande Amore para o día 6 e María Rodés para o día 9.

O alumeado ornamental constará este ano de 11 rótulos co texto San Froilán 2021, 218 arcos luminosos e a decoración de 6 farolas. A iluminación da cidade distribuirase polas distintas entradas da cidade e polo centro. As luminarias colocadas serán LEDs de baixo consumo enerxético e boa capacidade lumínica, e funcionarán do 4 ao 12 de outubro entre as 20:00 e as 02:00. Na praza do Camiño Primitivo instalarase un alumeado especial que faga referencia ao Camiño, mentres que o resto farán alusión ao San Froilán. A área de Cultura inviste 37.013,90€ no alumeado do San Froilán deste ano.

Gatibu chega desde Gernika co seu rock en bizkaiera (variante biscaína do éuscaro batua ou unificado). A súa defensa desta variante recibiron numerosos premios e mencións de institucións e asociacións culturais vascas. O grupo leva en activo desde o ano 2000, e presentou o seu primeiro disco no 2002.

Gatibu compartirá concerto con Grande Amore, o nome artístico de Nuno García Pico, do Valadouro. Sacou neste ano o seu primeiro EP en solitario. A súa musica caracterízase polas guitarras, os sintetizadores e múltiples efectos vogais que transforman a tradición roqueira undergound nunha proposta novidosa.

María Rodés chega ao San Froilán co seu novo disco, Lilith, publicado a comezos deste ano. A música de Rodés mestura a súa voz, cun timbre suave e doce, cunha gran experiencia a nivel compositivo e sonoro. Gañou o premio Puig-Porret no ano 2016 ao realizar unha investigación sobre o seu antepasado Lluís Rodés, o que facilitou a publicación do disco Eclíptica no ano 2018.