Skip to main content
Lugo

Tanxugueiras, David Rees e Samantha Hudson completan o cartaz do San Froilán 2021

Por 30 Setembro, 2021Sin comentarios

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua anunciou os dous últimos concertos que completan a programación cultural desta edición do San Froilán. Maite Ferreiro explicou que “son dúas propostas musicais de gran calidade, as Tanxugueiras veñen de ser escollidas como favoritas da audiencia de todo o estado para o certame de Eurovisión, e David Rees conta con temas que acumulan máis de 200 reproduccións”. “O conxunto dos concertos do San Froilán conta con propostas de calidade para que todas as persoas poidan atopar concertos do seu gusto na gran festa do outono galego”, afirmou Maite Ferreiro.

O 12 de outubro, a praza de Santa María acollerá ás Tanxugueiras, o trío formado por Olaia e Sabela Maneiro xunto con Aida Tarrío, que chegan a Lugo despois de ser escollidas pola audiencia de todo o estado como as favoritas na web eurovision-spain.com. Levan en activo desde o ano 2016, e contan con dous discos e un single publicados. Nestes 5 anos de actividade, acumularon múltiples premios a nivel galego e internacional, entre os que se atopan o premio MIN de música independente de 2018 ao mellor álbum galego, o premio Martín Códax da Música 2019 a mellor grupo de música tradicional e folk, o certame Ari(t)mar Galiza e Portugal 2019 a mellores músicas da Galiza, o e o premio a mellor adaptación dunha peza tradicional dos XIX Premios La Opinión de Música de Raíz do 2020. Ademais, os World Music Charts Europe do 2020 incluíunas entre os 20 mellores discos de World Music. Foron tamén finalistas do premio Mestre Mateo do Audiovisual Galego do 2019 ao mellor videoclip, finalistas do Mellor Vídeo con Shooglenifty dos Scots Trad Music Awards 2019 e finalistas a mellor álbum galego dos premios MIN da Música independente de 2019.

David Rees estará na praza Horta do Seminario o vindeiro día 9. Este cantante malagueño conta cunha gran popularidade nas redes sociais, onde comezou publicando versións de temas de outros autores. Conta con máis de dous millóns de seguidores en Youtube e acumula máis de 344 millóns de reproduccións dos seus temas.

O V concurso Miss Deusa, que terá lugar o día 7 na contorna do Auditorio Municipal Gustavo Freire, contará coa actuación de Samantha Hudson, unha recoñecida artista, cantante e actriz dentro do colectivo LGBT.  O seu proxecto musical xoga cos paradigmas do xénero, o sexo e a liberdade de expresión. Samantha Hudson considérase actualmente unha das iconas da Xeración Z, acumulando preto de 400.000 seguidores nas distintas redes sociais.

Orquestras

Maite Ferreiro presentou ás 4 orquestras que formarán parte deste San Froilán. A área de Cultura contará coa París de Noia o día 4 en Augas Férreas, a orquestra Marbella o venres 8, a Arizona o sábado 9 e a Costa Dorada o luns 11. Todas as actuacións serán na praza de Augas Férreas ás 20:30, e o luns 11 contarase cunha actuación a maiores ás 18:00.

As persoas interesadas en acudir ás distintas actuacións das orquestras que forman parte do programa do San Froilán deberán rexistrar os seus datos a través da seguinte plataforma, que xerará un código QR cos datos de cada persoa:

https://www.orquestasdegalicia.es/generador-qr

A cabida total das actuacións de orquestras será de 500 persoas de pé, seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.

A ORGANIZACIÓN DA CIDADE PARA AS FESTAS

O feiral que estará acotado entre as Avenidas Rodríguez Mourelo – Praza de Avilés – e García Portela, a rúa Vila de Foz e o segundo bancal do Parque Rosalía de Castro até a explanada do Pavillón Municipal. Precisamente este último será, xunto coa Porta de Bispo Aguirre e as rúas Armando Durán e Puro Cora os puntos de acceso, tanto de entrada como de saída, preferentes ao recinto.

“Haberá delimitado un itinerario recomendado, coa capacidade máxima que determine a normativa da Xunta, durante o que, en todo momento, as persoas que se atopen nel deberán facer uso obrigatorio da máscara, gardar a distancia de seguridade e atender ás recomendacións que as forzas de seguridade lles fagan así como evitar aglomeracións”, explican dende o Concello.

HORARIO

Durante a semana, o feiral funcionará só polas tardes mentres que nas xornadas festivas, sábados e domingos, poderá estar operativo todo o día até a unha da madrugada (01:00h). “Un horario que se estableceu atendendo á situación epidemiolóxica actual e tamén en coherencia cos límites polos que se rexen actualmente os establecementos de hostalaría”.

Avanzaron que Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros e Protección Civil coordinarán esforzos na procura de desenvolver un operativo organizado e eficaz que permita realizar un control exhaustivo sobre as actividades programadas, dentro do que tamén se inclúe a posta en servizo de varios postos de atención de Cruz Vermella.

“En conxunto, incrementaranse o número de efectivos para evitar que se formen multitudes pero tamén para garantir que se respectan as recomendacións sanitarias e as limitacións de aforo establecidas para cada un dos casos, para o que se habilitarán – anunciou – catro puntos de control, dos que se encargará a seguridade privada. Unha tarefa que levarán a cabo co apoio de imaxes aéreas captadas por drons”, engaden

A alcaldesa avanzou que a Policía Local reforzará todos os turnos, xa dende este venres – para facilitar a montaxe das atraccións e expositores – e nomeadamente durante os festivos e a fin de semana, concentrando até tres patrullas dentro do recinto feiral para extremar a vixilancia.

“Un cometido ao que se sumará outra patrulla máis, dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla en prol da seguridade vial”.

Neste 2021 os tres escenarios principais da capital serán as Prazas da Horta do Seminario e de Santa María e o lateral do Auditorio Gustavo Freire. A maiores, o San Froilán Miúdo celebrase no aparcadoiro municipal do Seminario. Todos os recintos estarán adecuadamente perimetrados e disporán de sinalización.

Tendo en conta todas estas circunstancias, o Concello elaborou un Plan de Tráfico no que se recolle a prohibición de estacionar, xa dende as 00:00 deste venres, nas avenidas Rodríguez Mourelo e García Portela mentres que as persoas residentes nestas zonas non precisarán de autorización para acceder.

LIMPEZA

Dende a área de Medio Ambiente preparouse igualmente un dispositivo especial para acometer o aseo viario e a recollida de lixo durante o San Froilán.

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, apuntou que “xa nestes días previos intensificamos a limpeza de sumidoiros e arquetas tanto na zona centro así como no Parque e nas súas inmediacións – Rolda do Carme e República Arxentina – onde se está acometendo, asemade, a roza de soares e a eliminación de pintadas coa finalidade de que poidamos amosar a nosa mellor imaxe”.

O edil destacou que haberá reforzos – humanos e materiais – nos operativos de mañá e tarde no recinto feiral e que, durante as fines de semana, incrementarase na contorna o número de contedores, de quita e pon itinerantes, tanto de fracción como de vidro, incluíndo o paso dun recolector, a partir das 6 da mañá, para retirar os residuos de bares e restaurantes. Igualmente se fará un aseo especial diario do estacionamento do Seminario onde se desenvolve o San Froilán Miúdo”.

Así, referiu, por exemplo, que a xornada laboral do persoal comezará ás 04:00 horas ou que o Casco Histórico, recinto feiral e zonas propensas ao botellón, se reforzarán con dez peóns pola mañá que se distribuirán segundo as necesidades do servizo.

ASEOS PÚBLICOS

Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente informou, alén, de que o Concello instalará 14 wc’s portátiles, 3 deles para persoas con mobilidade reducida en distintos puntos do recinto feiral, que se limparán dúas veces ao día.

As cabinas, ubicaranse nas Prazas de Santa María (3), na Horta do Seminario (3) e na explanada do Auditorio Gustavo Freire (3), así como no Patio do Edificio Administrativo do Concello (1), na explanada do Pavillón (1), no bancal do Parque de Rosalía de Castro (1) e nas rúa García Portela (1) e Puro Cora (1).