Skip to main content
Navia de Suarna

Prazas completas para as xornadas O que non arde, que arrancan en Navia

Por 16 Setembro, 2021Sin comentarios

Este venres arrancan en Vilela, en Navia de Suarna, as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural O que non arde, organizadas pola área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, con todas as prazas completas xa que a convocatoria acadou as 50 inscricións que se ofertaban.

A deputada Mónica Freire valorou o “interese que espertou esta primeira edición das xornadas que contan coa participación de persoas expertas en desenvolvemento rural de diferentes ámbitos” e mostrouse convencida de que “son unha oportunidade para que as persoas que traballan no sector primario ou que pensan en desenvolver iniciativas neste ámbito poidan coñecer de primeira man proxectos interesantes, que teñen demostrado a súa viabilidade”.

O encontro, que se retoma tras ser aprazado o pasado mes de xullo pola incidencia da Covid 19, incluirá relatorios e mesas redondas orientadas a prestar apoio e transferir coñecemento a persoas interesadas en desenvolver iniciativas produtivas no rural.

Así, ao longo das tres xornadas, exporanse proxectos empresariais e profesionais asentados no rural; iniciativas comunitarias como o da Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son), que fai unha aposta clara polo aproveitamento multifuncional do monte, ou a do CDR O Viso de Lodoselo (Sarreaus), que incide no ámbito educativo e social, asíc como proxectos de desenvolvemento rural promovidos por concellos como o da Veiga e Allariz.

Tamén serán obxecto de análise e debate as políticas públicas orientadas á incorporación ao campo e ao relevo xeneracional agrario ou a xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural, a partir das achegas de persoas expertas de distintos niveis da administración, da universidade e de entidades como a Fundación Juana de Vega.

As xornadas, organizadas coa colaboración da Asociación Ser e da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebraranse en Casa Quindós, unha antiga casa de labranza, rehabilitada polo cineasta Oliver Laxe en Vilela, en Navia de Suarna, co obxectivo de acoller actividades culturais e accións de desenvolvemento rural.

Ademais dos relatorios e mesas redondas, o programa inclúe unha demostración de maquinaria para traballos de desbroce en altura, unha visita ao Castro do Teso da Ermida e un concerto de Davide Salvado e Fransy González.

Paralelamente ás xornadas O que non arde, desenvolverase a VI Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, centrada no desenvolvemento do sector cabrún nos Ancares.

Consulta o PROGRAMA NESTE ENLACE