Skip to main content
As Nogais

O PSOE reclama manter as dúas unidades no CEIP das Nogais

Por 15 Setembro, 2021Sin comentarios

Os socialistas demandan no Parlamento de Galicia dotar ao CEIP das Nogais do profesorado necesario para manter dúas unidades en educación primaria, mantendo simultaneamente o necesario para unha adecuada atención á diversidade. Así o anunciou o voceiro de Educación e Deputado Lucense, Luís Álvarez.

“Presentamos unha batería de iniciativas parlamentarias para reverter a situación que padecen hoxe as alumnas e alumnas do único CEIP das Nogais. Xa que segundo nos trasladaron os propios nais e pais deste centro educativo a Consellería de Educación agrupou a todo ao alumnado de educación primaria nun único grupo cun total de 13 alumnos”, expuxo.

Álvarez advirte que “esta situación resulta inasumible por canto este centro tivo no curso pasado dous grupos de educación primaria (agrupando 1º, 2º e 3º e 4º, 5º e 6º), e existen fondos para manter o  profesorado ( 828.381,840 euros que lle corresponden a esta Comunidade Autónoma segundo o Real decreto 684/2021, do 3 de agosto, polo que se establecen a distribución e os aspectos necesarios para poder efectuar o libramento da  dotación adicional de recursos para as comunidades”.

Así as cousas o voceiro de Educación critica a decisión da Consellería de  Educación “xa que parece ter apostado por unha innecesaria redución de docentes e oferta educativa nos centros e volver á situación anterior á do curso 2002/21 o que xa de por si é grave, ou mesmo reducir aínda máis o número de  docentes con respecto ao curso 2019/2020 o que é inexplicable, afondando,  ademais, na redución de servizos públicos nos ámbitos rurais”, remarcou.

Pola súa banda o Voceiro Socialista das Nogais, Alfredo Guiu lamentou a política de recortes do Goberno de Feijóo no Concello. “Non podemos consentir que recorten servicios públicos esenciais, que recorten profesorado, na sanidade, ou servicios bancarios, temos que loitar polos nosos dereitos e vamos seguir presentando iniciativas onde sexa necesario e escoitando á nosa veciñanza para mellorar as nosas dotacións publicas. Queremos vivir e traballar no rural con dignidade”, dixo.