Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Presentada unha guía para promocionar o románico na Ribeira Sacra

Por 22 Setembro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo presentou este martes na igrexa da Santa María de Nogueira de Miño, coñecida como a Capela Sixtina da Ribeira Sacra, o primeiro volume da guía Lugo Románico, un novo proxecto editorial emprendido pola institución provincial para reforzar a promoción do patrimonio deste estilo arquitectónico co que conta a provincia de Lugo.

A Ribeira Sacra estrea esta colección, que terá outros tres tomos sobre o románico noutras zonas da provincia. A guía arranca por esta comarca, “como non podía ser doutro xeito”, asegurou o Tomé, pois na Ribeira Sacra “está a maior concentración do románico rural de toda Europa”.

O mandatario provincial afirmou que esta guía “será un elemento que axude ás persoas que nos visitan a organizar as súas viaxes e as súas rutas, e gustaríame que actuase como recordatorio do compromiso coa conservación do patrimonio, porque os monumentos teñen historia, pero tamén están cargados de futuro. O patrimonio é turismo de calidade, emprego sostible, desenvolvemento do rural, e proxección do territorio a nivel galego, nacional e internacional”.

Neste sentido, recalcouse que o románico da provincia é un dos máis importantes de España e de Europa, como demostra que Lugo forma parte da Ruta Tranrománica do Consello de Europa dende o pasado ano grazas á iniciativa impulsada pola Deputación. “Desta forma, situamos ao noso patrimonio nunha das grandes rutas culturais europeas, a máis importante das vinculadas a este fermoso estilo arquitectónico. Unha ruta da que, en España, só forman parte outros dous lugares: o mosteiro de Santo Domingo de Silos e a cidade de Zamora”, explicou José Tomé.

Coa guía, a Deputación promociona ademais o conxunto da riqueza da Ribeira Sacra, recentemente declarada pola UNESCO como Reserva da Biosfera, afirmou o Presidente, ademais de seguir reivindicando a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. “A Ribeira Sacra é hoxe un patrimonio internacionalmente apreciado e visitado, e temos que seguir traballando xuntos para facer realidade esta aspiración, que é colectiva”.

No acto de presentación celebrado hoxe participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, do presidente da Asociación Cultural Capela Sixtina de Nogueira, Antonio Vázquez Porto, veciños e veciñas deste núcleo chantadino, o Vicario da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, os autores da publicación e representantes políticos de concellos incluídos neste primeiro número de Lugo Románico.

Editáronse inicialmente 1.000 exemplares da guía, que está en tres idiomas para chegar a un maior espectro de lectores. Miguel Mendoza, en colaboración con outros autores, foi o encargado de elaborar os textos, que ilustran fotografías de Pepe Tejero e Roberto Díaz.

O libro recolle máis de medio cento de igrexas e basílicas de once concellos: Chantada, Portomarín, Taboada, Carballedo, Paradela, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Sober e Ribas de Sil.

Ruta Transrománica

A Deputación de Lugo foi incluída na asociación Ruta Transrománica, un organismo do Consello de Europa que ten como obxectivo fundamental o estudo da arte románica europea e a promoción dos itinerarios artísticos a nivel internacional. Inclúense 10 igrexas de arte románico situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra.

As igrexas desta ruta, tamén incluídas en Lugo Románico, son o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.