Skip to main content
Bóveda

Bóveda abre o prazo para anotarse nas actividades deste curso

Por 11 Setembro, 2021Setembro 12th, 2021Sin comentarios

O Concello de Bóveda abre o prazo para preinscribirse nas actividades para o curso 2021-2022. Desta maneira, o prazo para a prescrición será do 9 ao 17 de setembro, o de matrícula do 20 ao 24 de setembro e o inicio das clases o 4 de outubro.

As actividades que se poden escoller son: iniciación á informática, inglés e reforzo educativo en horario de 16.30 a 18.30 horas os martes e os mércores respectivamente. Estas tres están dirixidas a nenos e nenas de Educación Primaria.

Ademais disto, os xoves haberá clases de iniciación ó Break Dance -de 16.30 a 17.30 para nenos e nenas de Educación Primaria e de 17.45 a 19.15 dirixido a nenos e nenas de Educación Secundaria- e os venres será o turno das tardes de cine, nas que se farán actividades relacionadas e que está dirixido a todos os públicos.

As actividades realizaranse no Centro Sociocultural de Bóveda e dende o Concello informan que os grupos serán reducidos e adaptados ao protocolo do momento. Para máis información ou para calquera dúbida pódese contactar co número de teléfono 982 426 177 ou no enderezo electrónico cultura@concellodeboveda.com.