Skip to main content
ChantadaCultura RIBEIRASACRAXA

Entrevista: “O obxectivo é manter a categoría e seguir como o equipo galego máis antigo en Liga EBA”

Por 19 Setembro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

O Club de Baloncesto de Chantada ten claros os seus obxectivos cara esta tempada. Así mesmo, dende o club tamén valoran a pasada campaña e as diferentes apostas que se están a levar a cabo.

O ano pasado xogaron a fase de ascenso a LEB Prata, como foi esa experiencia e como valoran esa tempada?

Foi unha tempada moi positiva para nós. O noso primeiro obxectivo todas as tempadas é manter a categoría, este ano, máis aínda, xa que descenden seis equipos nunha liga moi competitiva. Para un club como o noso, dun concello de pouco máis de 8.000 habitantes, competir polo ascenso a Prata, contra equipos do tamaño do Ibiza, Fuenlabrada ou Mataró amosan o éxito e o orgullo que sentimos. Poñemos o nome de Chantada a unha escala nacional, e iso sempre é un orgullo para nós e, cremos, para calquera chantadino ou chantadina que nos siga.

Considera que se cumpriron os obxectivos marcados a principio do ano pasado?

Como sempre dicimos, o noso principal obxectivo é manter a categoría. Xa en EBA estamos competindo con equipos de cidades como Gijón, León… E tamén vilas máis grandes cá nosa, como pode ser Porriño. Ante equipos fortes, con seguramente, maior capacidade económica e recursos ca nós, conseguimos gañar a Liga. Cremos que calquera pode comprender o éxito e o traballo que hai detrás para conseguir ser campións de Liga. Un obxectivo que sería inalcanzable sen contar coa axuda tanto do noso patrocinador principal, Ucoga Seguros; como tamén do resto de patrocinadores que nos apoian, moitas empresas locais e tamén dos socios. É un esforzo conxunto que fai Chantada para estar entre os mellores, e sen o apoio de todas as persoas que nos axudan dun xeito ou outro, e dos comercios e empresas que nos respaldan, sería totalmente inviable.

Que obxectivo ten o CB Chantada para esta tempada?

O obxectivo, este ano se cabe, máis que nunca, é a permanencia. Como xa dixemos, este ano descenden seis equipos nunha liga se cabe máis competitiva que a de anos anteriores, xa que o ano pasado o grupo A de Liga EBA subdividíase en 3 grupos. Este ano, subdivídese en 2, polo que nos enfrontaremos a equipos como o Claret de Segovia, o Marín Peixegalego, o Universidad de Valladolid, CB La Flecha, Ávila Bulevar, Unicaja Banco Oviedo… E os xa coñecidos pero moi fortes equipos de Obradoiro Sileda, os dous equipos de León: Reino de León e Basket León e, por suposto, o Porriño. Pero quen coñece a Liga EBA sabe que calquera equipo está en disposición de quedar arriba, pero tamén de poder atoparse nos postos de descenso, moito máis cando descenden 6 equipos dos 16 que conformamos o subgrupo.

Por iso, o noso principal obxectivo é manter a categoría e seguir manténdonos como o equipo galego máis antigo en Liga EBA. Aínda así, nunca renunciamos a intentar estar nos postos máis altos da táboa e volver a traer a Chantada a ilusión de xogar unha nova fase de ascenso. Pero a competición ligueira é longa, dura e complicada. O tempo e os resultados irán marcando os obxectivos.

Que destacaría no equipo?

Para un equipo como o Ucoga Seguros CB Chantada é imprescindible a implicación tanto das empresas patrocinadoras, Ucoga como gran estandarte, e tamén de todos os comercios locais que nos prestan a súa axuda. Sen esquecernos tampouco da implicación dos nosos socios e socias. O ano pasado, comezamos a campaña de socios sen saber, tan sequera, se habería liga e se poderiamos saír a competir. A resposta foi incríbel, a xente preguntaba para seguir apoiando ó equipo independentemente de se houbera liga ou non, e ademais, nun ano que social e económicamente foi moi complexo para calquera. Esa é a esencia do clube e a cal queremos seguir mantendo.

Como valoran as novas fichaxes que se incorporaron ao equipo?

A valoración é positiva. Aínda é cedo para poder xulgar a calquera dos xogadores, xa que a Liga aínda non comezou e é longa, o tempo dirá se foron acertos ou non, e que temos que mellorar. Polo momento, estamos contentos coa implicación dos xogadores, tanto os que quedaron como os que chegaron novos a Chantada. Cabe destacar que a meirande parte son xogadores con experiencia xa na categoría, a excepción de Rui Nery, que provén da Liga portuguesa e de Oliver Harri, que chega dende Bolivia. Confiamos en que o grupo se una e se conforme un equipo con sentimento de unión, que é esencial para que un xogo como o baloncesto, de equipo e que require unha enorme coordinación e comunicación, funcione.

Que aspectos considera que debería mellorar o CB Chantada de cara a esta tempada?

A nosa asignatura pendente sempre é a base. Este ano impulsamos un Campus de baloncesto para os máis pequenos en verán, que tivo unha acollida incluso moito mellor do que nós agardabamos. Agora, vimos de firmar un convenio co CB Val de Lemos e co Ensino Lugo para impulsar o baloncesto entre as rapazas e rapaces máis xóvenes do sur da provincia de Lugo. Aproveitamos para lembrar que ata o día 29 de setembro, poden enviarnos un correo a cbchantada@hotmail.com todos aqueles pais/nais/titores legais da zona que estén interesados en apuntar ós seus fillos/as nas categorías inferiores do clube. Dependendo do número de rapaces e rapazas apuntadas, intentaremos seguir coa nosa idea de vertebrar unha base sólida para o equipo, e de promocionar o baloncesto na nosa zona, no sur de Lugo.

Ganaron recentemente a Copa Galicia, que significa para o equipo esta copa?

Gañar a Copa Galicia é unha enorme satisfación. A Copa é a competición que abre a tempada e unha boa maneira de medir como podemos saír a competir nesta Liga 2021-2022. Agora mesmo, somos o rival a batir en canto á Copa, esta é a nosa cuarta gañada, a terceria consecutiva. Non é unha competición doada xa que se xoga a moi poucos partidos e con apenas rodaxe das plantillas. A final contra un equipo como Porriño, sempre complicado e moi competitivo, fai que gañala deixe aínda se pode ser, un mellor sabor de boca.

Firmaron este verán un convenio co Val de Lemos e o Ensino de Lugo, cal é o obxectivo do mesmo?

Como xa dixemos, o que se quere é potenciar o baloncesto base no sur de Lugo. Cremos que a unión fai a forza, e queremos coordinarnos para ofrecer as mellores condicións e posibilidades ós rapaces e ás rapazas que queiran xogar ó baloncesto, promocionar e relanzar o noso deporte na zona entre os máis cativos, e fundamentar unha base para o CB Chantada e tamén para os outros dous equipos que forman o convenio. É unha asignatura pendente que dende a directiva actual queremos solventar e fomentar dende que tomamos as rendas do club.

Para rematar, hai algún obxectivo a longo prazo ou proxecto de futuro?

Insistimos en que o noso gran proxecto é o de manter o equipo en EBA e fomentar as categorías inferiores. Somos un equipo que amosou que pode competir contra vilas e cidades incluso máis grandes ca nós, e por iso nos parece unha mágoa non ter ningún equipo para os máis pequenos e pequenas, que ademais, moitos veñen a vernos cada sábado. A nosa gran ilusión é ter unha base consolidada, que dé a oportunidade ós rapaces e rapazas de Chantada e a contorna de disfrutar do baloncesto e aprender dos seus valores, e por suposto, darlles a oportunidade de medrar neste deporte como fixeron algúns veciños destacados: Carlos Noguerol (xogador profesional en activo) e no seu momento, Fran Vázquez.