Skip to main content
Chantada

Por Chantada demanda a paralización dos novos impostos da auga

Por 21 Setembro, 2021Sin comentarios

Dende a Candidatura de Unidade Popular Por Chantada sinalan que a Xunta da Galiza pretende aprobar dúas novas taxas que van disparar a factura da auga. “Concretamente, trátase de dous canons de nova criazón para o consumidor doméstico e outro para os concellos, incluídos no Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da agua, xa en tramitación” explican.

Ademais, defenden que estimacións de profesionais do sector sitúan a suba do recibo en 180% na auga dos fogares e 130% no caso das empresas. “Un despropósito que, na Galiza, coincide no tempo coa suba interanual máis elevada da inflación rexistrada do Estado español (4%)”.

Por outra beira, dende Por Chantada declaran que “en sintonía coas políticas ultraliberais e aporofóbicas do PP, a nova lexislación castigará máis aos consumidores domésticos e, nomeadamente, aos que teñen un consumo máis baixo que, polo xeral, son fogares máis humildes. Apenas contemplan bonificacións de 50% para familias numerosas e fogares en risco de exclusión social, mais deberían ser nestes casos do 100%”.

Por Chantada sinala tamén que para o uso doméstico existe agora no trecho máis baixo de consumo unha tarifa de 0 euros que pasaría cos novos impostos a 0.15 euros por metro cúbico, avanzando no mercado e mercantilización da auga. “Por exemplo, nun fogar onde vivan 3 persoas cun consumo de 25 m3 de auga cada trimestre pagaríase case o triplo: dos actuais 6.65 euros a 18.7 euros. Para alén do consumo os novos canons incorporan unha parte fixa (1.54 euros por persoa e mes) remedando a factura da luz”, lamentan.

Por iso, Por Chantada conclúen que a auga vai ser un ben crecentemente escaso, por iso se debe instar ao seu uso racional por parte da poboación con taxas que penalicen os consumos elevados e a falla de eficiencia desde os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais, é dicir, que pague máis quen máis consome. “Ademais, debe garantirse o seu fornecemento a todas as poboacións, así como o seu correcto tratamento e depuración”, explican.

Por Chantada demandará no vindeiro pleno ordinario que a Xunta paralice a tramitación do anteproxecto para desde o diálogo social incorporar os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais. Ademais, esixen saneamento e deputación axeitadas para as parroquias do rural a comezara polas do interior galego e, nomeadamente, as atinxidas por figuras de protección como a de Reserva de Biosfera.