Skip to main content
Chantada

Dispoñible un documental sobre aldeas anegadas pola construción do encoro de Belesar

Por 21 Setembro, 2021Sin comentarios

Ponse a disposición de todo o público o documental Asolagados, dirixido por David Vázquez, que recolle a memoria dos aldeas anegadas pola construción do encoro de Belesar.

O audiovisual estará dispoñible para a visualización gratuíta a través da canle de Vimeo da Vicepresidencia, desde este luns (21 horas) e durante un periodo de tres meses, co obxectivo de ampliar a súa difusión despois de ser proxectado en diferentes festivais e outros espazos culturais.

O documental recompila testemuños sobre a vida nas vilas e aldeas asolagadas polo encoro de Belesar en 1963. A memoria de lugares como Abideira, Porto, Castro, Candaz, Santa Marta, Pincelo, Ponte Fortes, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida ou Ribó emerxe no audiovisual, nas voces de persoas que viviron nestes lugares antes da construción do encoro e que se viron obrigadas a deixalo todo.

Desde a Vicepresidencia animan á cidadanía a que seguir os seus perfís en redes sociais para poder ver este audiovisual de xeito gratuíto, descubrindo “un traballo excepcional ao redor dun suceso que forma parte da nosa historia” e que “hoxe, á vista do que está a acontecer coa suba da luz, ofrece tamén unha oportunidade para tirar conclusións sobre como dende o Estado se repartiron e reparten os custos e os beneficios da produción de enerxía eléctrica en Galiza”.

A proxección recolle imaxes e sons da Ribeira Sacra e do río Miño, dos restos que quedaron de casas, bodegas, propiedades, e incluso como se resentiu o medio natural da contorna co arrase de árbores e outras especies. O impacto foi terrible e así o explican dez testemuñas que habitaron as zonas mencionadas antes da construción do salto, e que se viron na obriga de deixalo todo e fuxir cara outro lugar.