Skip to main content
Chantada

O PSOE denuncia o peche temporal por falta de persoal do centro de día de Chantada

Por 24 Setembro, 2021Sin comentarios

A voceira de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para esixirlle á Xunta que revise as condicións dos centros de día públicos de Galicia e que garanta sempre o persoal e recursos para dar resposta ás necesidades da cidadanía máis vulnerable sen excepción. 

A deputada socialista fai especial incidencia na situación vivida no centro de día público de Chantada, “que estivo pechado de xeito temporal alegando falta de persoal, o prexudicou aos 40 usuarios e usuarias aos que lles dá servizo na actualidade”.

As instalacións ás que se fai referencia teñen un cadro de persoal que consta de sete auxiliares, unha limpadora, unha directora, unha educadora social e unha traballadora social itinerante. Con todo, Marina Ortega explica que, ante a baixa non cuberta de 3 auxiliares, o centro pechou alegando a falta de persoal. 

Neste contexto, a deputada socialista lembra que Galicia “se atopa inmersa nun tránsito obrigado cara a un novo modelo de coidados” e que “a sociedade galega reclama que se faga efectivo canto antes”. Por iso, indica que “o goberno galego ten que dar resposta á demanda e emerxencia que está a demandar a cidadanía, dotando de recursos a servizos tan importantes como este”. 

Así, dende o grupo parlamentario socialista, solicítaselle a Xunta que dote de recursos aos centros de día e blinde aos públicos, “cubrindo o persoal sempre que exista necesidade, algo que non se fixo no caso de Chantada”.

Marina Ortega recorda que “os centros de día son un dos recursos máis importante para as persoas con dependencia ou discapacidade e para as súas familias”. Nesta liña, a parlamentaria do PSdeG incide en que “constitúe unha das fórmulas que contribúe a retrasar a institucionalización das persoas maiores, polo que se trata dun dos piares que se debe impulsar dentro do novo modelo de coidados que o goberno galego está chamado a exercer”.

Por último, Marina Ortega insta á Xunta a que aproveite “a maior dotación de recursos estatais e europeos chegados a Galicia e que transforme a nosa sociedade -das máis envellecidas do país- para camiñar cara a un novo modelo de coidados”.