Skip to main content
Folgoso do Courel

O Pleno do Courel rexeita a inclusión do lobo no listado de protección especial

Por 26 Setembro, 2021Setembro 27th, 2021Sin comentarios

O Pleno do Concello de Folgoso do Courel rexeita por unanimidade a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies de réxime de protección especial.

O equipo de Goberno presentou unha moción de urxencia no Pleno ordinario celebrado contra a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial, ao tempo que pediron que o Ministerio habilite axudas para paliar os danos que cause esta especie e se subvencione a adopción de medidas de prevención establecidas no catálogo aprobado polo Ministerio.

Desde o Concello de Folgoso do Courel piden que se inclúa o Concello como zona lobeira á vista dos últimos ataques sufridos, o que demostra que cada vez hai máis exemplares desta especie. A iniciativa foi aprobada por unanimidade.

Por outra beira, a corporación do Concello de Folgoso do Courel aprobou cos votos a favor de todos os Grupos, o calendario laboral de 2022 quedando os festivos nos día 19 de agosto e 9 de decembro.

Ademais, o grupo de Goberno votou a favor da aprobación da Conta Xeral 2020, que se someteu ao Pleno en tempo e forma. Os grupos da oposición abstivéronse.

En relación coa moción de C@urel Vivo sobre a creación dun transporte para a educación secundaria pos obrigatoria, o equipo de Goberno explicou que non se trata dunha competencia municipal, ao tempo que recordou que está aberto o prazo para que todos e todas os estudantes de ensinanza pos obrigatoria poidan solicitar as axudas ao transporte que puxo en marcha o Goberno local, contías que se suman a outras de outras administracións, como a Xunta de Galicia ou o Estado, creadas coa mesma fin.

Desde o Concello comprometéronse a estudar o aumento da partida municipal que se destina a estas axudas para poder chegar a todos os estudantes que se atopen fóra, con independencia de onde residan. A rexedora, Lola Castro, recordou ademais que Folgoso do Courel foi o único Concello da provincia que asumiu o pagamento do transporte para acudir á vacinación covid a quen lle fixo falla.

Tampouco saíu adiante a moción de C@urel Vivo sobre a celebración das sesións plenarias. O equipo de Goberno recorda que se trata dun acordo do Pleno de Organización do ano 2019.