Skip to main content
Monforte

Monforte abre ao público a rúa Abelardo Baanante e a escaleira monumental

Por 3 Setembro, 2021Sin comentarios

Onte inauguráronse as obras de mellora da rúa Abelardo Baanante, que fora peonalizada hai uns meses por acordo de Pleno, e na que tamén se levou a cabo a renovación integral da escaleira que conduce a Santo Domingo e á igrexa da Régoa. Deste xeito, esta rúa, coñecida como A Calexa, quedou aberta para o seu uso por parte dos cidadáns.

As actuacións de mellora na rúa Abelardo Baanante e na súa escalinata, deron comezo á principios deste ano 2021, contaron cunha inversión total de 95.515,20 euros e foron adxudicadas á empresa Explotacións Medioambientais.

Do mesmo xeito, José Tomé, rexedor municipal indicou que “aproveitamos as obras en Abelardo Baanante para colocar, no inicio da rúa no entronque coa rúa do comercio unha placa de granito na que se gravou cunha dedicatoria conmemorativa a Consuelo Alonso, persoa que o Concello homenaxeou recentemente por ser represaliada inxustamente durante a Guerra Civil e que viviu nesta rúa”.

Recuperación da escaleira monumental

A rúa Abelardo Baanante esténdese dende o entronque coa rúa Comercio e a praza do Dr. Goyanes ata a súa confluencia coa rúa Santo Domingo, dando acceso á igrexa da Régoa e tamén ó colexio Torre de Lemos. A rúa obedece a un trazado de marcado orixe medieval como vía de comunicación da fortaleza coa ponte vella que cruza o río Cabe. Crese que foi unha vía na que se aposentaron na Idade Media familias de orixe xudía e por ela mesmo podería discurrir unha variante do Camiño de Inverno.

As condicións de deterioro do pavimento desta rúa fixeron que se considerara necesario acometer obras nela obras de mellora que, unha vez executadas, supoñen renovación do seu pavimento, anteriormente de cemento, substituído por un novo de granito, a adaptación da súa contorna e a eliminación de diversas barreiras arquitectónicas que presentaba, acadándose a peonalización da rúa, algo que fora acorfado en Pleno hai uns meses.

Ademais, con estas actuacións de mellora, procedeuse á renovación da escaleira de 55 chanzos que levan ata a igrexa da Régoa e Santo Domingo, recuperando así a monumentalidade e esplendor da mesma.

A decisión de peonalizar esta rúa veu motivada porque é unha vía cunha marcada vocación peonil polas súas limitacións dimensionais e por acabar formando un fondo de saco, xa que o seu extremo oeste acaba na mencionada escalinata ata conectarse coa rúa Santo Domingo e a contorna inmediata á igrexa da Régoa.

Para a pavimentación da rúa utilizáronse materiais de construción acordes co seu carácter histórico e coa súa consideración de BIC dentro do casco histórico de Monforte.

Finalmente, elimináronse as barreiras arquitectónicas existentes no pavimento e dotouse de continuidade ó itinerario peonil, conforme ao vixente código de accesibilidade.

Os peldaños de escaleira foron de nova execución, cunha sección de 34 x 15 cm. Colocáronse peldaños dunha soa peza nos dous primeiros tramos, xa que todos miden ó redor de 3,10 m, e o resto do peldañeado foi colocado en dúas pezas de lonxitudes variables segundo o tramo.
Tamén se levou a cabo a retirada, rehabilitación, recrecido e recolocación da barandilla de pedra existente. Para o recrecido, dispúxose dunha peza de granito Grissal abuxardada, de 15 cm de altura colocada sobre o zanquín existente.