Skip to main content
Monforte

Chegan a Monforte cursos sobre modelos silvícolas e prácticas forestais

Por 4 Setembro, 2021Sin comentarios

Continúan as formacións en Monforte, desta vez, chegan dous cursos sobre modelos silvícolas e boas prácticas forestais no CFEA a vindeira semana. Ambos cursos serán en horario de mañá, de 10 a 14 horas e terán lugar o martes 7 e xoves 9 de setembro.

O obxectivo desta formación é promover unha xestión forestal sostible conforme á normativa europea e mellorar o estado silvícola dos montes da nosa comunidade. Así, no programa constan contidos sobre as especies obxecto dos modelos silvícolas ou de xestión forestal, sobre os métodos e características das actuacións silvícolas, sobre os modelos silvopastorís ou pascícolas e sobre boas prácticas forestais, con casos prácticos.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Guías técnicas

Cabe lembrar que a Xunta publicou o pasado mes de febreiro a orde de modelos silvícolas e de xestión forestal, que recolle 38 guías técnicas de sinxela aplicación para o manexo sustentable das principais especies, recursos e servizos que subministran os bosques galegos. Trátase dun abano amplo para fomentar unha aplicación práctica das políticas de descarbonización, neutralidade climática e bioeconomía, así como os principios de xestión activa, adaptativa, participada ou próxima á natureza. Ademais, con esta medida impúlsase a valorización do monte e de todos os seus produtos forestais como as resinas, as cortizas, os piñóns, as castañas, os cogomelos ou o aproveitamento pastoril en terreos forestais desarborados, entre outros.