Skip to main content
Monforte

Monforte destina 12.000 euros en axudas a asociacións

Por 5 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte ven de anunciar a apertura do prazo de solicitude das subvencións municipais destinadas a Asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, sen ánimo de lucro e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, para actividades realizadas no exercicio 2021.

A contía destinada a estas subvencións ascende a 12.000 euros, e o importe de cada subvención non poderá superar os 1.000 euros, nin o 70% do investimento subvencionable por cada anualidade.

Logo de ser publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, o venres 3 de setembro, as asociacións interesadas terán 15 días hábiles, para presentar as súas solicitudes, polo que o prazo rematará o 24 de setembro.

Concedidas as diferentes subvencións, o prazo para xustificalas será ata o 10 de decembro de 2021.

Requisitos dos beneficiarios e finalidade das axudas

Para poder optar a este tipo de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, as asociacións deben cumprir unha serie de requisitos, ademais de figurar legalmente constituídas no rexistro de asociacións do Concello (ter domicilio social, sede ou representación en Monforte) e desenvolver actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo.

A finalidade das axudas será contribuír ao financiamento de programas, proxectos ou actividades culturais levadas a cabo por Entidades e Asociacións sen ánimo de lucro no Concello de Monforte de Lemos no exercicio 2021.

Non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, comidas e eventos relixiosos.