Skip to main content
LugoMonforteSarria

O PSOE leva ao Parlamento unha proposta para converter o corredor Nadela-Monforte en autovía

Por 9 Setembro, 2021Sin comentarios

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e do seu deputado, Patricia Otero Rodríguez e Luís Álvarez Martínez, presenta ante a mesa do parlamento a proposición non de lei para o seu debate na Comisión 2ª, sobre o desdobramento do corredor Nadela-Monforte para convertelo en autovía.

Así pois, dende o grupo socialista explican que “a actuación da Xunta de Galicia no Corredor Nadela-Monforte de Lemos exemplifica ben a súa pésima xestión das infraestruturas e, nomeadamente da rede viaria”.

Ademais engaden que se realizaron “promesas reiteradamente incumpridas, retrasos inxustificados, partidas que se consignan ano tras ano nos orzamentos da Xunta de Galicia pero que nunca se executan. Este baile de cifras que soben e baixan nos orzamentos sen explicación racional algunha, cunha Consellería de Infraestruturas que nega e substitúe as súas propias previsións sen ningunha explicación, son o mellor exemplo da falta de planificación en política viaria”.

Ademais, consideran que a Xunta de Galicia “non escoita aos alcaldes e tamén fai caso omiso das demandas dos veciños e veciñas, ou incluso dos consellos técnicos”. Estes, según o PSOE, veñen sinalando dende hai anos o risco que supón manter o tráfico en dobre sentido nunha vía concibida inicialmente como autovía, para circular en sentido único.

“Accidentes mortais neste corredor que seguiron a producirse dende aquela data, convertendo esta infraestrutura nun dos puntos negros da sinistralidade viaria da provincia de Lugo” lamentan.

Así mesmo, defenden que no 2019, o Pleno do Parlamento de Galicia xa adoptara por unanimidade o acordo para iniciar a contratación nese ano “dos proxectos construtivos e de impacto ambiental do treito A Pobra de San Xiao-Nadela co fin de avanzar de forma definitiva no total desdobramento desta infraestrutura, tendo presente o desdobramento futuro do tramo Sarria-Monforte, que se abordará unha vez que se vaia materializando o tramo Sarria- Lugo.”

Segundo os socialistas, o tramo que está nestes intres en execución, das obras de desdobramento para converter en autovía o corredor Nadela-Monforte de Lemos, ten unha lonxitude de 11,5 km. entre A Pobra de San Xiao (Láncara) e Sarria-centro.

Por iso, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, presenta a seguinte proposición non de lei: O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que execute, no menor prazo de tempo posible, o desdobramento total do corredor Nadela-Monforte de Lemos para convertelo en autovía.