Skip to main content
Monforte

Monforte rexistrou este verán os mellores datos de afluencia da súa historia

Por 12 Setembro, 2021Setembro 13th, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte ven de facer balance dos datos obtidos nas dependencias turísticas xestionadas polo Concello, en canto a número de visitantes rexistrados nos meses de xullo e agosto de 2021, e nos que destacan os relativos á Oficina Municipal de Turismo, na que foron atendidas 11.520 persoas, “cifra nunca antes alcanzada dende que temos rexistros estatísticos de visitantes nesta oficina, e que supera con creces os datos de anos anteriores para ese mesmo período”.

“Se comparamos o mesmo período de tempo en anos anteriores, en xullo e agosto de 2020 atendéronse na Oficina de Turismo a 6.099 visitantes, unha cifra salientable tendo en conta que estabamos en plena incidencia da pandemia da Covid-19”, resalta o alcalde de Monforte José Tomé. “Da mesma forma, se observamos o ano previo á pandemia, nestes dous meses de 2019 pasaron pola Oficina de Turismo 6.772 persoas”.

Polo tanto, o incremento entre o ano 2019 e o ano 2021 en canto a número de usuarios da Oficina de Turismo de Monforte é dun 170%.

Cabe salientar tamén que as principais procedencias no ámbito nacional nestes dous meses de xullo e agosto do 2021, foron Madrid, Barcelona, País Vasco e Andalucía. No eido internacional, os países que encabezan a procedencia de visitantes son Francia e Portugal.

Un incremento do 261% nas visitas á Torre da Homenaxe

En canto ó resto de dependencias turísticas xestionadas polo Concello de Monforte, cabe salientar o número de visitas á Torre da Homenaxe de San Vicente, no que o incremento nas cifras rexistradas nos meses de xullo e agosto destes tres últimos anos é exponencial.

Desta forma, durante os meses de xullo e agosto de 2021 visitaron a Torre da Homenaxe 7.256 persoas (2.824 en xullo e 4.432 en agosto), mentres que no mesmo período do pasado ano 2020 foron un total 3.729 visitantes (1.487 en xullo e 2.242 en agosto). Finalmente, en 2019, alcanzouse un total de 2.780 visitas na Torre da Homenaxe monfortina (747 en xullo e 2.033 en agosto).

Polo tanto, facendo unha comparativa porcentual nos últimos tres anos, o incremento entre o 2019 e o 2021 é do 261%.

Museo do Centro do Viño e peregrinos do Camiño de Inverno

O número de visitas ó Museo do Centro do Viño tamén rexistra un novo incremento para os meses de xullo e agosto de 2021, no que foron 925 persoas as que o visitaron (259 en xullo e 666 en agosto). Con respecto ó mesmo período para 2020, foron un total de 623 persoas (235 en xullo, 388 en agosto), e en 2019, 783 (303 en xullo e 480 en agosto).

Finalmente, en canto a peregrinos do Camiño de Inverno atendidos na Oficina Municipal de Turismo durante estes dous meses de 2021 foron 186 (94 en xullo e 92 en agosto), fronte ós 73 do mesmo período do pasado ano 2020 (30 en xullo e 43 en agosto) e os 134 peregrinos que pasaron nos meses de xullo e agosto 2019 (67 en xullo e 67 en agosto).

Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda

Tras valorar estes datos, proporcionados pola Oficina de Turismo do Concello, o alcalde salienta os excelentes resultados acadados neste verán en Monforte que “a pesar da incidencia da pandemia, que nos obrigou a cancelar eventos tan importantes como o Festival do Viño, o Verán Cultural ou as Festas Patronais, estes datos en canto a número de usuarios dos nosos servizos turísticos demostran que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda, e se constitúen coma un dos principais destinos turísticos do interior de Galicia”.

Neste senso, Tomé Roca recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.

O rexedor monfortino subliñou que o “enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico de Monforte de Lemos e da Ribeira Sacra, están a obter excelentes cifras de afluencia turística como as que acabamos de salientar, que son froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos por este Equipo de Goberno”.