Skip to main content
Monforte

Monforte presenta nova maquinaria para a recollida de residuos

Por 20 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte presentou hoxe na explanada da Compañía a nova flota de vehículos e maquinaria destinados á recollida de residuos municipais tanto da zona urbana como das parroquias de Monforte.

A adquisición destes novos elementos de limpeza viaria son froito das negociacións coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.

Deste xeito, “son un total de 10 vehículos e equipamentos para a recollida de residuos municipais, os cales aportarán unha significativa mellora á operatividade dos equipos destinados a este servizo así como no aumento da capacidade de recollida dos residuos, e destinamos para elo unha inversión de máis de 635.000 euros (635.442.42 euros)” destacou José Tomé Roca.

A presentación serviu tamén para dar a coñecer polo alcalde outros 2 vehículos de limpeza viaria que faltaban por entregar, e que non puideron ser dados a coñecer na presentación feita polo rexedor municipal o pasado mes de abril dos novos equipamentos adquiridos deste tipo. Os dous equipos presentados hoxe foron adquiridos por 143.828 euros.

Entre as melloras acadadas tralas negociacións que supuxeron a prórroga do contrato do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, subscrito entre o Concello de Monforte e FCC Medio Ambiente, a empresa concesionaria xa levou a cabo, dende principios deste ano 2021 as seguintes accións: a adquisición de 25 equipos e vehículos para limpeza viaria, por 914.611,38 euros; a adquisición de 10 vehículos e equipamento para a recollida de residuos, por 635.442,42 euros, que foron presentados hoxe; a renovación de colectores, cunha inversión de 345.991,59 euros; a renovación de colectores soterrados, cunha inversión de 239.170,74 euros e a inversión en papeleiras de 43.038 euros.

Renovación da maquinaria empregada na recollida de residuos municipais de Monforte

O contrato de prórroga subscrito entre o Concello de Monforte e a empresa FCC Medio Ambiente contempla a renovación da totalidade da maquinaria inicialmente adquirida para a prestación do servizo de recollida de residuos municipais.

Xunto con estas melloras na operatividade dos equipos, incorpóranse as últimas tecnoloxías referentes a emisións, ruídos, ergonomía e eficiencia xeral.

Á inversión realizada en equipos de recollida hai que sumar a inversión nos distintos sistemas de contenerización de residuos, tanto no que se refire á fracción resto como os da selectiva, ademais da importante inversión na renovación dos colectores soterrados.