Skip to main content
Monforte

Monforte gaña a sentenza pola expropiación de terreos para o novo Parque do Hospital

Por 24 Setembro, 2021Setembro 25th, 2021Sin comentarios

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informa da sentenza favorable ó Concello monfortino, ditada pola Sección 3 do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación co recurso interposto pola empresa Gas Monforte S.L. contra a declaración de urxente ocupación, a efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto do Parque do Barrio do Hospital de Monforte de Lemos.

No seu fallo, a través da sentenza, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima o recurso contencioso administrativo interposto pola empresa Gas Monforte SL contra o Concello de Monforte, polo que ademais esta empresa pagar as costas procesais, establecidas en 1.200 euros.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que o “decreto impugnado cumpre sen dúbida coas esixencias de motivación”, polo que encontra xustificada a “necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado debido a que na zona obxecto da intervención a carencia de prazas de aparcadoiro representa un problema de tal magnitude que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e que ó ocuparse zonas non destinadas ó aparcadoiro se podería dificultar notablemente a circulación dos vehículos de urxencias, como ambulancias e camións de bombeiros”.

O alcalde amosou a súa satisfacción “pola resolución favorable ditada polo Contencioso Administrativo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a cal nos permitirá seguir adiante co proceso construtivo do futuro Parque do Hospital, que suporá unha mellora moi significativa para este barrio da cidade, xa que o dotaremos de novos espazos destinados ó lecer e esparcemento, así como dunha zona con 60 prazas de aparcamento”.

Carácter integral do novo parque público do hospital

O novo parque público do Barrio do Hospital ideado polo equipo de Goberno monfortino terá un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando co aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

A superficie da parcela que albergará este parque será de aproximadamente 6.212 metros cadrados, unha extensión moi importante e que ven dar un servizo público do que carece esa zona da cidade.

O Barrio do Hospital

O gran desenvolvemento acadado polo barrio, fai necesaria a dotación de novos espazos públicos destinados a cubrir as necesidades da poboación desta zona, formada en gran parte por xente nova con nenos. Deste xeito, o equipo de Goberno monfortino leva a cabo, con este proxecto, a creación de novos espazos destinados ó lecer e esparcemento para este barrio, que actualmente conta cunha área de xogos infantís na esquina das rúas Abeledos e Irmáns Dapena e outra con elementos biosaudables na rúa Corredoira.

Por outra banda, a poboación visitante que acode ó Barrio do Hospital buscando os servizos que nela se congregan, procedentes tanto de Monforte de Lemos como de toda a comarca e que na súa gran maioría achéganse ao lugar en vehículos particulares, atópanse co problema da falta de estacionamento, a pesar do número de prazas de aparcamento que alberga o recinto do Hospital Comarcal, problema que levou a proxectar, por parte do Concello, unha nova zona de aparcamentos, que contará con aproximadamente 60 prazas.

En dita parcela, o Concello acometerá a construción do novo Parque do Barrio do Hospital, que albergará unha nova área de xogos infantís, de máis de 1.000 m2 de superficie, grandes zonas axardinadas e sendas para o paseo que enlazará co xa existente en paralelo á Rda. María Emilia Casas Baamonde, proveniente desde o leste (zona da Estación de Autobuses, Instituto Río Cabe, Paseo do Malecón, Edificio Multiusos e instalacións do Club Fluvial).