Skip to main content
Monforte

Monforte acolle mañá o concerto da Orquesta Vigo 430

Por 25 Setembro, 2021Setembro 26th, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte de Lemos segue a programar actividades culturais no mes de setembro, e así o vindeiro domingo 26 de setembro ás 20 horas e no Edificio Multiusos terá lugar un concerto da Orquestra Vigo 430.

Este espectáculo programado polo Concello de Monforte de Lemos, enmárcase dentro das actuacións do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Sociedad Filarmónica de Monforte.

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. A entrada ó salón de actos realizarase ás 19.40 horas e a entrega das invitacións será dende as 19 horas.

O proxecto da Orquestra Vigo 430 nace no ano 2005, aínda que adquire a súa configuración definitiva a partires do 2014.

O seu obxectivo principal é dotar unha formación orquestral profesional, constituída na súa maior parte polos máis brillantes expoñentes das novas xeracións de músicos galegos, así como por destacados músicos freelance do resto de España e do estranxeiro. Esta combinación entre talento propio e foráneo é unha característica esencial para a obtención do resultado artístico marcado como obxectivo.

Entre os principais retos que persegue o proxecto está o do achegamento da música clásica a novos públicos potenciais, así como ás novas xeracións de oíntes. O obxectivo de eliminar a barreira psicolóxica que, para gran parte da poboación, existe á hora de achegarse a un concerto de música clásica.