Skip to main content
Monforte

Monforte presenta un proxecto de realidade virtual aumentada

Por 28 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Monforte presentou na mañá de onte o proxecto Descobre Monforte no Camiño, unha iniciativa promovida dende o Concello, “que vai permitir divulgar os nosos recursos históricos e artísticos, relacionados co patrimonio material e inmaterial do Camiño de Inverno en Monforte a través da Realidade Aumentada e en 3D, cunha nova forma de comunicarse, de interpretar a cultura, de vivir a cidade dun xeito divertido, inmersivo, pedagóxico e innovador”.

Na presentación desta nova ferramenta de promoción turística e cultural, que coincide coa conmemoración onte do Día Mundial do Turismo, o rexedor municipal estivo acompañado pola 1ª tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de obras, medio rural e servizos, José Luís Losada, e representantes da empresa que desenvolveu o proxecto, a empresa Xoia.

Este proxecto, contou cun orzamento de 27.261,60 euros, dos que o Concello de Monforte aportou o 55%, 14.993,88 euros, sendo o resto aportado a través do Programa O Teu Xacobeo.

Monforte é a primeira cidade da provincia de Lugo que conta cunha APP destas características, e das poucas de Galicia en desenvolver un proxecto deste tipo.

Descobre Monforte no Camiño

O proxecto está baseado nunha aplicación para móbiles de realidade virtual aumentada que se apoia nun itinerario con 7 localizacións de interese ubicadas ó longo da cidade de Monforte.

En cada unha das 7 localizacións instalouse unha peana interpretativa onde se pode visualizar, a través da interacción co teléfono móbil, elementos construtivos e escenas baseadas no pasado medieval da cidade e que están reconstruídas, en cada un dos recursos patrimoniais onde están situadas, a través da realidade aumentada.

Para poder utilizar a información que recollen estes paneis, o Concello desenvolveu unha aplicación (APP) que se pode instalar de xeito gratuíto nos teléfonos móbiles, a través dun código QR ubicado na parte inferior esquerda de cada peana, e que permitirá visualizar os contidos e recursos turísticos volcados en cada ubicación.

Funcionamento da APP móbil

A ruta en realidade aumentada representa unha nova forma, inmersiva e interactiva, de descubrir a cidade pois esta tecnoloxía, transforma o mundo real, coma se dun portal no tempo tratase, para que a través dunha peana interpretativa se poida botar unha ollada ó pasado para ver e interactuar, en lugar de imaxinar, coa nosa historia.

Isto é posible a través dunha app móbil, coa que calquera monfortino ou turista poderá visitar sete puntos da cidade nos que, unha vez chegado á peana interpretativa, enfocando coa cámara do móbil, a realidade aumentada transformará esa peana nunha maqueta 3D, animada, interactiva e a escala que representa con veracidade a historia e evolución dos distintos elementos patrimoniais máis representativos da cidade.

“O narrador que nos acompañará en cada un destes puntos de interese será D. Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, e a súa narración será accesible para turistas estranxeiros ó poder gozala en 3 idiomas ou para persoas con discapacidade auditiva, ó contar con subtítulos” subliñou o rexedor monfortino.