Skip to main content
Monforte

Curso sobre benestar animal no transporte en Monforte

Por 28 Setembro, 2021Sin comentarios

Monforte acolle dende a vindeira semana un curso sobre benestar animal no transporte. Impartido en modalidade semipresencial polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) da localidade, está programado para que se celebre entre o luns 4 e o xoves 21 de outubro.

Ao longo de 20 horas lectivas -a metade delas no propio CFEA e a outra metade en liña-, a acción formativa abordará temas como a saúde e a seguridade no traballo, o manexo, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal. Así, este curso ten como obxectivo ofrecer aos alumnos os coñecementos necesarios neste eido para que poidan desenvolver debidamente todas as tarefas relacionadas co transporte de animais.

En canto aos participantes, a acción está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico maria.estrella.rodriguez.rodriguez@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 982889102.