Skip to main content
Monforte

Monforte acolle un curso sobre enoturismo

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

Celébrase do 4 ao 7 de outubro en Monforte de Lemos un curso sobre o enoturismo, co fin de xerar unha bolsa de profesionais capacitados que comprendan o funcionamento dos destinos e das estruturas turísticas e que desenvolvan estratexias de comunicación co uso de novas tecnoloxías.

A iniciativa, que se impartirá en horario de 9 a 14 horas na sede do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, constará de 20 horas lectivas para desenvolver un total de sete módulos. Así, o primeiro xirará entorno ao concepto e evolución do turismo enolóxico. O segundo sobre o sector turístico e o turismo enolóxico en España.

Seguidamente, abordarase o perfil xeral do turista para seguir coas principais canles de distribución do turismo enolóxico. O quinto módulo tratará sobre as redes sociais como ferramentas de comunicación e o uso das novas tecnoloxías. Tamén se analizará o produto enoturístico e, por último, abordarase toda o oferta que presenta este sector: viñoterapia, talleres de cata e roteiros do viño, entre outros.

O curso está dirixido a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso de Monforte de Lemos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 997 279.