Skip to main content
Pantón

As obras nos accesos ao balneario e á fonte de Augas Santas teñen un custo de 113.000 euros

Por 11 Setembro, 2021Sin comentarios

A Xunta e o Concello de Pantón colaborarán na execución dunha actuación urbanística para mellorar os accesos ao balneario e á fonte de Augas Santas localizados neste municipio. Así consta no convenio de colaboración asinado entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde lucense, José Luis Álvarez, para fixar os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións.

O proxecto —cun custo estimado de 113.000 euros dos cales o departamento autonómico achegará o 70% e o Goberno municipal o 30% restante— enmárcase no chamado plan Hurbe, un programa impulsado fai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de equipamentos de uso público e colectivo.

O obxecto do convenio é a construción dunha beiravía peonil de acceso ao balneario de Augas Santas que o comunique coa praza do mesmo nome, situada a uns 500 metros e na que se localiza unha fonte. Tamén se cambiará a iluminación, reporanse dous sinais de madeira ao inicio e ao final do traxecto e instalarase un paso de peóns elevado.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións en colaboración cos concellos dirixidas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a contribuír á humanización e posta en valor das contornas urbanas.