Skip to main content
Pantón

Continúa avanzando o proxecto para a construción do CAM en Pantón

Por 23 Setembro, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, levará ao Pleno ordinario deste mes de setembro, que se celebrará o vindeiro martes, a aprobación do convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pantón para a construción do Centro de Atención a Maiores desta localidade por un importe de 1,7 millóns de euros. En cinco anualidades, a Deputación aportará 1,4 millóns de euros e a entidade local 300.000 euros para construír e poñer en marcha esta dotación social nun terreo situado no centro de Ferreira de Pantón.

A residencia terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría.

Neste sentido, o presidente lembrou que cando tomou posesión, en xullo de 2019, encargouse de formalizar o compromiso que existía co alcalde de Pantón de construír un Centro de Atención a Maiores neste concello asinando ese mesmo ano un protocolo de colaboración, momento a partir do que a Deputación comezou a traballar na redacción do proxecto, que foi presentado aos veciños e veciñas o pasado mes de xuño nun acto público celebrado na Casa da Cultura da localidade.

Nese momento, José Tomé avanzou xa que estaba traballando para aprobación do convenio, unha proposta que eleva ao Pleno do vindeiro martes.
A residencia de Pantón ofrecerá un servizo público asistencial de calidade e personalizado aos maiores, favorecendo o seu arraigo, ademais de crear emprego sostible no rural.

O proxecto da residencia de Pantón foi o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación.

Así mesmo, a residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou produtores de alimentos.

Un modelo asistencial propio

A Deputación de Lugo ten na actualidade seis centros de atención a maiores abertos e poñerá en marcha o de Meira nas vindeiras semanas e o de Navia de Suarna antes de finalizar o ano. Ademais, neste 2021 presentou o proxecto da residencia da Pontenova, cuxas obras xa están en proceso de licitación, adxudicou a construción das instalacións da Pobra do Brollón e asinou o contrato para levantar as de Portomarín.

Seguindo o modelo asistencial da Deputación, o Centro de Atención a Maiores de Pantón será público. O modelo da Deputación garante que calquera persoa, independentemente da súa situación económica, poida acceder ás prazas porque os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. Así mesmo, as residencias da Deputación favorecen o arraigo porque son centros de pequeno tamaño, con traballadores que normalmente son do propio concello ou da zona, e que están plenamente integradas no día a día das vilas nas que se asentan.

Características

O Centro de Atención a Maiores de Pantón da Deputación de Lugo terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. Todas as habitacións serán accesibles e amplas, e contarán con cuarto de baño propio.

O deseño repara no cumprimento de barreiras arquitectónicas e está configurado nunha edificación onde prima a luminosidade e a iluminación natural con grandes zonas acristaladas, tanto nos dormitorios coma nas salas e zonas comúns. O edificio constará dunha planta semisoto, unha planta baixa, dúas plantas altas e un ático.

No semisoto situarase unha sala de estimulación multisensorial, despachos para o persoal, vestiarios e almacéns. A planta baixa é a de acceso principal. Albergará o comedor, a cociña, a zona de administración e dirección, salas de convivencia e de actividades, así como cuartos de baños. As dúas plantas superiores acollerán as habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño, ademais de almacéns e locais de limpeza. No ático está a zona de lavandería, locais das instalacións e almacéns.

O edificio terá unha alta eficiencia enerxética. Case toda a enerxía necesaria para a auga quente sanitaria procederá de fontes de enerxías renovables ou aproveitando o calor residual. Ademais, irá moi ben illado, o que fará que teña un consumo case nulo.