Skip to main content
Cultura SARRIAXADeportes SARRIAXASamos

Entrevista: “Máis ca un club somos un grupo de amigos, unha familia como quen di”

Por 12 Setembro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

O Samos Fútbol Sala é un club que milita actualmente na primeira autonómica de fútbol sala. Así pois, falamos con Óscar López González, segundo adestrador e tesoureiro do club para que conte os inicios do Samos FS e as diferentes aspiracións do club.

Cando naceu Samos Fútbol Sala? Por que?

Co Samos Fútbol Sala comezamos no verán do 2004, que foi cando fixemos os estatutos do club. Decidimos xogar na liga provincial de Lugo e para iso necesitabamos un nome e ter estatutos. O equipo como tal xa existía xa que nós levamos xogando xuntos dende o 1993. Había unha asociación aquí en Samos e a través de aí, comezamos a xogar en ligas locais de Sarria, da Pobra, etc.

Que destaca do club?

Somos un grupo de amigos que comezamos a xogar xuntos a fútbol sala. Así comezou isto. E de feito, máis ca un club somos iso, un grupo de amigos, unha familia como quen di. Por tema presuposto e económico sobre todo, non aspiramos ascender nin xogar en ligas altas aínda que evidentemente sempre nos gusta competir.

Recibe axudas económicas?

Si, sempre solicitamos á Deputación e ao Concello. O Concello leva anos sen darnos nada pero esperamos que este ano si que dea porque normalmente adoitaba facelo.

O ano pasado non chegaron a competir, empezaron a adestrar?

Non, en ningún momento. Consideramos que non era o correcto máis que nada por nós e polas nosas familias. Ao fin e ao cabo, todo o mundo tiña xente maior na casa e tal e coma estaban as cousas considerábamos que non era o primordial xogar. Por iso, decidimos esperar a que mellorara a cousa e non competimos. Pola súa parte, a Federación si que fixo coma unha pequena liga e si que nos avisaron. Ao final foron catro equipos de distintas categorías. Ao primeiro había algúns equipos aos que os querían descender pero ao final quedou a cousa en nada.

Cal é o obxectivo desta temporada?

O obxectivo sempre é quedar primeiros porque ao final levamos un montón de tempo nesta categoría. De feito, campións de liga nunca quedamos, quedamos segundos varias veces, terceiros… Evidentemente, faríanos ilusión ganala un ano e despois xa se vería a cuestión do ascenso por tema económico. Ao final é algo que nos afecta bastante porque ademais, Samos é un sitio pequeno, non hai moito onde pedir axudas… Non é o mesmo ca outros equipos. O noso presuposto é moi curto e fan falta moitos cartos que, obviamente, non temos.

Como ven esta tempada? Considerades que é segura?

Consideramos que un pouco máis segura si que é. No noso equipo, por exemplo, estamos todos vacinados. De todas maneiras, hai que respectar o protocolo que ten a Xunta e polo momento é preciso empregar máscaras. Ademais, nós facemos test de antíxenos. É dicir, máis segura ca a anterior si que é, aínda que continúen saíndo casos.

Danvos axudas polos test ou teñen que pagalos?

De momento temos que pagalos nós. Non sei se a Federación nos axudará algo pero supoño que sacará unha liña de axudas. O seguro témolo pagado, responsabilidade civil… polo que algunha axuda sacarán. Tamén terán que entender que facer test cada pouco é complicado porque chega un momento que comeza a ser un gasto importante.

Cada canto tempo queren realizalo?

Adestramos dous días a semana polo que a idea é facelo todas as semanas.

Primeira autonómica de fútbol sala actualmente xógase na provincia de Lugo, teñen xogado noutros lugares?

Actualmente si que se xoga na provincia de Lugo pero nós temos xogado tamén na Coruña cando xuntaran a zona norte. Estivemos uns anos xogando con equipos de ambas provincias; temos ido ao cárcere de Teixeiro, a Mazaricos…

Teñen proxecto a longo prazo?

Si, a nosa idea é seguir con el mentres poidamos, sobre todo polo tema económico e polo tema de atopar xente para xogar. Isto é algo que sabemos por outros equipos, que ás veces lles é complicado encontrar xogadores. Nós por sorte, de momento, non temos ese problema, aínda que igual chega un momento en que si.

Entón nunca tiveron problemas para encontrar xogadores?

Temos que tocar madeira porque de momento nunca nos pasou. Sempre demos completado ben o equipo e ao final, levamos tanto tempo nisto que coñecemos moita xente. Ao final, a xente que vén xogar con nós é da zona de aquí; a maioría somos de Samos, pero tamén hai un rapaz do Incio, de Triacastela e de Sarria. Esperemos que continúe así e que non teñamos problemas niso.

En algún momento consideraron crear base?

Aquí é moi complicado. O ano pasado no colexio había 12 pequenos entre todas as idades. Aquí o da base faise complexo. Houbo un ano, ao pouco de comezar, que estivemos a facer un equipo xuvenil pero ao final todo quedou en nada. Deses rapaces uns marcharan para o fútbol porque xa o tiñan anotado os pais, a outros xurdiulles outros problemas e, ao final, todo quedou en nada pero a idea dese ano si que era ter equipo xuvenil. Aquí en Samos é moi complicado porque nesta zona xa non hai xente para poder dicir de facer categorías base.

Hai equipo de fútbol campo en Samos?

Non. Fai moitísimos anos si que chegou a haber un equipo de fútbol campo. De feito, xogábase no campo do Mosteiro porque aquí campo municipal nunca houbo. Actualmente fixo un de fútbol 7 e, ás veces, imos cando facemos adestramentos físicos.

Entón xogades a fútbol sala porque gusta máis na vila ou por que é máis fácil atopar xente?

A verdade é que é polas dúas cousas. Ao final en Samos nunca houbo tradición de fútbol e case todos xogabamos a fútbol sala. Veu por aí a cousa.