Skip to main content
Paradela

Paradela conta cun proxecto para recuperar elementos patrimoniais en Pacios

Por 14 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Paradela continúa co proxecto municipal destinado á recuperación de elementos patrimoniais no núcleo tradicional de Pacios, onde a Xunta de Galicia estuda unha posible participación.

Este foi o compromiso adquirido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha xuntanza mantida nos últimos días co rexedor, José Manuel Mato, para abordar diferentes asuntos de interese municipal.

En concreto, segundo explicou o alcalde, a intervención prevista en Pacios e a súa contorna enmárcase na estratexia de rexeneración do municipio impulsada polo Goberno local a través de accións que apostan pola natureza, o urbanismo sostible e a mellora de servicios no rural, un obxectivo no que encaixa tamén o plan de mobilidade sostible do Concello, cuxas liñas mestras lle presentou á conselleira durante a reunión.

Noutra orde de asuntos, conselleira e alcalde tamén analizaron a posibilidade de que ambas administracións colaboren co fin de poñer en valor o Espazo natural de interese local (ENIL) Loio-Ruxidoira, declarado definitivamente no ano 2013 e o segundo ENIL máis antigo dos seis existentes ata o momento en Galicia.

Para lograr este obxectivo, a proposta do Concello de Paradela pasa por acometer obras de recuperación e acondicionamento en varios sendeiros peonís que atravesan o ENIL e permiten achegar aos visitantes a algúns dos seus valores máis destacados.