Skip to main content
Sarria

O PP de Sarria insta a integración da residencia de Sarria na rede provincial

Por 3 Setembro, 2021Sin comentarios

Dende o Partido Popular sinalan que a creación da rede de residencias para maiores foi un proxecto “estrela dun goberno socialista da Deputación de Lugo. A estas alturas a execución de dito proxecto está xa moi avanzado e hai residencias en funcionamento”.

Así pois, explican que o Concello de Sarria, que xestiona o seu propio centro dende 1983, acordou, co respaldo do PP, solicitar á inclusión desta residencia, A Nosa Señora do Carme, na rede da Deputación. O viceportavoz popular no organismo provincial José Antonio García anuncia a presentación dunha iniciativa no pazo de San Marcos para que sexa atendida a solicitude do Concello de Sarria. García considera que o citado concello ten o mesmo dereito que calquera dos outros que asinaron acordos coa Deputación para que a súa residencia funcione de modo similar en canto á financiación.

Segundo o acordo plenario da corporación de Sarria, a integración terá que ser o resultado dunha negociación entre o Concello e a Deputación, para definir as condicións nas que se levará a cabo. Por parte municipal hai o compromiso de aprobar o convenio marco de cooperación entre os concellos e a Deputación para implantar e executar o sistema de servizos sociais nos centros de atención a persoas maiores. Igualmente, aprobará as ordenanzas de acceso ao servizo de atención a persoas maiores e a reguladora do prezo público para estancia na residencia.

Os populares destacan que desde que a residencia de Sarria empezou a funcionar en 1983 o Concello viuse obrigado a cubrir cos seus orzamentos os déficits xerados na súa xestión, así como a asumir os gastos de mantemento e conservación do edificio e instalacións, e os custos correspondentes aos novos investimentos.