Skip to main content
Sarria

Inaugurada en Sarria a mostra A memoria do son

Por 7 Setembro, 2021Setembro 8th, 2021Sin comentarios

Xa se inaugurou en Sarria a mostra A memoria do son, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). O director da Colección de Instrumentos e comisario da exposición, Luciano Pérez, presentou a mostra, xunto ao alcalde de Sarria, Claudio Garrido no día de onte no Antigo Cárcere.

Tras o seu paso polo Museo da Catedral de Compostela, onde recibiu máis de 55.000 visitantes, a mostra, froito dos traballos de investigación e recuperación que se desenvolveron desde o centro provincial a partir da iconografía medieval, chega a Sarria onde permanecerá ata o 30 de setembro.

A exposición, concebida para ampliar o coñecemento deste patrimomio musical, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

Os fondos instrumentais complétanse con melodías accesibles, a través de códigos QR, proporcionando a oportunidade de escoitar o son de cada un deles. Tamén inclúe propostas interactivas, como unha salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afondo X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúcida.

Así mesmo, na presentación referiuse á relación de Sarria con esta mostra xa que, lembrou, “o legado do Centrad no relativo ao patrimonio musical ten o seu xerme no Obradoiro de Instrumentos, promovido polo artesán Paulino Pérez, natural de Vilei, en Barbadelo”. Sinalou, ademais, que “sendo Sarria un centro de referencia do Camiño, é o lugar idóneo para acoller unha mostra que representa o legado cultural e patrimonial cultural que se xenerou ao redor da ruta xacobea en Galiza”.

Pola súa banda, o director da Colección de Instrumentos Musicais do Centrad e comisario do proxecto A memoria do son, Luciano Pérez, incidiu no caracter divulgativo da mostra, “accesible a todo tipo de públicos: non especialista, universitario, músicos, artesáns e investigadores. Aos docentes permítelles traballar diferentes competencias, desenvolvendo, á vez, sentimentos de pertenza e ao público escolar facilítalle unha serie de ferramentas moi útiles desde primaria ata a universidade, espertando, por outra parte, o pequeno investigador que todos levamos dentro”.

A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño.