Skip to main content
Sarria

Un Camiño de Santiago cunha esencia diferente

Por 26 Setembro, 2021Sin comentarios

Este ano creceu en gran medida a cantidade de peregrinos que realizaron o Camiño de Santiago, sen embargo, os albergues non puideron aproveitalo por completo a causa das diferentes medidas sanitarias que se adoptaron.

A vila de Sarria é un dos puntos de inicio máis típicos e recoñecidos no Camiño de Santiago, por ser un enclave estratéxico no mesmo. Así pois, atópase a pouco máis de cen quilómetros de Santiago de Compostela, é dicir, á distancia mínima que debemos facer para poder conseguir a Compostelana.

Esta é unha vantaxe para moitas persoas xa que se considera unha distancia asumible para familias con fillos ou fillas ou para persoas que, sinxelamente, prefiran facer unha distancia máis ou menos curta.

Por esta razón e, segundo a Asociación de amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, este ano a zona encheuse de peregrinos a semana antes do 25 de xullo e as dúas primeiras semanas de agosto, creando un ambiente totalmente distinto ao que se leva vivido na comarca de Sarria dende que chegou a pandemia.

Neste 2021, a situación mellorou considerablemente en canto a peregrinos, sen embargo, as restricións sanitarias foron duras e difíciles para os albergues e os negocios de turismo en xeral. Evidentemente, en relación ao ano pasado houbo un cambio enorme, xa que, como din dende a Asociación do Camiño de Santiago, as restricións do pasado curso eran moitas e, sobre todo, afectaban a peches perimetrais e horarios, o que fixo que non se vira case ningún peregrino, polo que se levaba ano e medio sen movementos.

Desta maneira, dende a Asociación sinalan o feito de que houbera un 100% de ocupación nos albergues, un dato non demasiado significativo se se puntualiza que, ata mediados de agosto, o nivel de ocupación máximo era dun 30%. Este dato cambiou e actualmente é dun 50%.

De feito, hai que mencionar que incluso houbo peregrinos que durmiron na rúa a causa destas restricións e da cantidade de persoas que había: “un albergue normal adoita ter sobre 30 camas, se tan só podes empregar o 30% de esa cifra, o número de camas redúcese a 6,7,8…”. Unha vez chegado a mediados de agosto, xa se ampliou ao 50% de ocupación e, aínda así, os albergues continuaban cheos “aínda que polo menos aliviou un pouco”.

Dende a Asociación consideran a cifra do 30%, unha cifra excesiva “porque, por exemplo, o ano pasado, sen vacinarse e sen o coñecemento que existe agora, había un límite do 70% de ocupación e este ano con vacinas e con máis medidas, tan só ao 30% na maior parte do verán”. Desta maneira, sinalan que moitos peregrinos non contaban con isto e, a pesar de que había camas libres, non se podían dar polo que a única opción que quedaba era durmir na rúa.

Así mesmo, dende a Asociación do Camiño de Santiago en Sarria mencionaron que todas as medidas que se tomaron, foron as que se mandaron dende sanidade e que non se fixo nada novo, “aquí todo o mundo cumpriu o que mandou sanidade: as distancias, as restricións do 30%…”. De feito, era unha cuestión que daba medo “porque podía haber unha multa ou unha sanción. Se non fixeches cartos durante un ano e pico e agora aínda encima tes que pagar unha multa…”.

Sen embargo e, a pesar de que o nivel de ocupación foi moi alto, ó existir tan só un 30% de ocupación, un albergue nesas condicións “dá perdidas”. Polo seu lado, os albergues mixtos -que teñen tamén pensión- foron salvando algo máis, algo que non podían dicir outro tipo de albergues.

En canto á orixe dos peregrinos, a excepción destas datas de setembro nos que veu algunha persoa do estranxeiro, atopábase no resto de España e na comunidade galega. Ademais, dende a Asociación consideran que a xente que fai o Camiño está moi concienciada, polo que se respectan na maioría das veces as normas.

Pola súa beira, a pandemia foi un aspecto que cambiou a vida de todas as persoas por completo. Houbo que interiorizar e adaptarse a diferentes cambios para poder levar unha vida segura. No Camiño de Santiago foi algo que tamén ocorreu e, o único que non cambia ao final é o propio camiño e o feito de andar. Sen embargo, o ambiente, as restricións e as diferentes medidas fixeron que xa non sexa igual ca antes aínda que, a medida que pasan os días, a volta a normalidade vese algo máis preto.

Outro aspecto a destacar é que a causa desta situación, a dixitalización creceu en gran medida. A busca de maiores garantías para os peregrinos e para a xente da zona neste contexto sanitario fixo que se puxeran en marcha diferentes programas dixitais. Un deles foi unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño, algo necesario nestes momentos a causa da posibilidade de quedar sen lugar para durmir.

Grazas a esta plataforma, os usuarios poden buscar todos os establecementos da rede pública e efectuar a súa reserva. Ademais, tamén se poden localizar os albergues máis próximos dependendo da ruta na que estean situados. Este sistema facilita as reservas dende o día anterior ata as 13 horas do día da pernoctación, algo que asegurará a disposición de praza. Así mesmo, isto non implica que non se poida obter praza ao chegar ao establecemento sempre que exista capacidade para iso. O máximo de persoas coas que se pode realizar a reserva é de cinco e non é preciso rexistrarse, aínda que esta posibilidade está aberta.

Medidas covid nos albergues da rede pública

Os albergues da rede pública contan con materiais de protección coma xeles desinfectantes, así coma papeleiras de pedal e guantes, entre outras. Así pois, deben ter carteis informativos coas principais normas e recomendacións contra a covid19.

Por outra parte, a máscara continúa a ser obrigatoria en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público e se poida coincidir con outras persoas. Sen embargo, no propio Camiño poderase quitar sempre e cando exista distancia de seguridade suficiente.

Así mesmo, unha das cuestións máis importantes para os albergues é a limitación de aforo que, ata o pasado 21 de agosto se mantivo ata o 30% de capacidade, e que agora se atopa no 50%, uníndose desta maneira as medidas sanitarias xa implantadas. Por outra beira, os albergues contan cun protocolo de actuación ante a covid19 para unha maior seguridade no caso de que exista algún caso.

Dende a Xunta, pola súa parte, consideran que estas medidas son necesarias, así coma eficaces, xa que, a pesar da alta afluencia coa que conta o Camiño de Santiago e todo o relacionado a iso, os casos foron puntais e actuouse con brevidade.

Ademais, instaláronse dous albergues -un no municipio de Samos e outro á entrada de Santiago- para atender a todos aqueles peregrinos e peregrinas que dean positivo nun brote de covid. Pola súa parte, houbo Concellos que habilitaron instalacións situadas na vila para controlar este tipo de casos no caso de que se produzan. Un exemplo é o Concello de Palas de Rei, quen xa planificara e pensara diferentes espazos por se se daba a situación, sendo un deles o pavillón municipal.

Outro Concello no que se habilitou un espazo para casos de emerxencia foi Portomarín. Neste Concello, o espazo que se pode empregar é a escola antiga, que está situada no centro da vila e que xa serviu para illar varios casos positivos que se deron. Este local de emerxencias habilitado foi unha antiga escola que xa se preparara fai anos por si existía overbooking de peregrinos na vila. Sen embargo, coa chegada da pandemia tan só se emprega para casos de emerxencia.

Por outra beira, en caso de que exista sintomatoloxía da covid19, os peregrinos deben chamar a un número de teléfono habilitado polo Sergas -881 002 021- para persoas que acudan a Galicia dende outros lugares para que se indiquen as instrucións necesarias de maneira telefónica.

No caso de dar positivo, dende o Sergas informarían que facer e, no caso de que a persoa tivera que aumentar a súa estancia na comunidade, ten a súa disposición un seguro para cubrir os diferentes gastos.