Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Barallamos a idea de instalar un punto de recarga de vehículos eléctricos”

Por 23 Setembro, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Óscar Mato é o administrador actual de Gasóleos Ruxidoira

Cando e como nace a empresa?

A empresa nace nun primeiro momento no ano 1994 coa denominación Estación de Servicio Ruxidoira, a entidade estaba formada por tres socios e as súas familias: José Manuel Mato Díaz que foi o impulsor do proxecto, Modesto Vázquez e Eloi López.

Posteriormente xa nos anos 2000 os socios constituíron outra empresa orientada o reparto de gasóleo a domicilio: Gasóleos Ruxidoira. Fai un ano a sociedade quedou en mans de José Manuel Mato e da dona de Modesto (que faleceu) e o seu fillo Roberto. A empresa naceu pola necesidade de ofertar un servizo moi necesario ós veciños e veciñas do concello de Paradela así coma ós concellos limítrofes xa que daquela a estación máis próxima estaba a 15 quilómetros, en Sarria. En total, na actualidade,  as dúas empresas dan traballo a 7 persoas, das cales cinco son do concello de Paradela e as outras dúas son de Sarria.

Cales son os centros que ten a sociedade? Dende un momento inicial apostaron por esta ubicación?

Os centros de explotación atópanse en Paradela, a estación de servizo está na entrada da capitalidade de Paradela, na estrada de Becerreá- Ventas de Narón. O gasocentro está a un quilómetro da estación de servizo.

Que servizos ofertan?

En primeiro lugar, os servizos da a E.S. Ruxidoira son os propios de gasolineira, conta con servizo atendido dende as 08:00 ata as 23:00, tamén ten un práctico servizo de autolavado de vehículos e unha tenda con  produtos de alimentación, snacks, bebidas, accesorios para vehículos, lubricantes, etc… Gasóleos Ruxidoira oferta servizo de reparto de gasóleos a domicilio tanto de automoción, como agrícola, así como de calefacción.

Cal é a zona xeográfica que abarcan para a distribución a domicilio?

Abarcamos unha zona moi importante da Comarca de Sarria, pero tamén repartimos en Monforte, O Saviñao, Taboada, Escairón, Portomarín e Lugo  Capital.

Os seus clientes poden ser tanto  particulares coma profesionais, que vantaxes ofrecen fronte á competencia?

Efectivamente, subministramos tanto a particulares como a profesionais. O servizo préstase na maior brevidade posible, en 24/48h. Tentamos ser moi coidadosos co combustible que entra nas nosas instalacións. Por exemplo, a Estación de Servizo está abandeirada por Galp polo cal todo o combustible da estación é prestado por Galp. No que respecta a distribución a domicilio o 80% é subministrado por Cepsa e o restante 20% entre operadores de recoñecido prestixio tamén, como Galp ou BP. Para o reparto a domicilio contamos con tres camións de reparto.

No servizo a domicilio, cal é a cantidade mínima para facer o pedido?

A cantidade mínima para o servizo a domicilio é de 250 litros. En función da cantidade demandada, como é obvio, os prezos varían.

Durante a pandemia, e sobre todo, durante o confinamento, notaron unha baixada significativa da demanda?

Déronse dúas situacións totalmente contrarias, os meses de confinamento a venda da estación de servizo tivo unha baixada do 80/90% con respecto  o ano anterior, aínda que podíamos reducir o horario de apertura, decidimos manter o horario habitual para dar servizo as persoas que tiveran que desprazarse. Na outra parte, a relativa á distribución, a pandemia afectou en moita menor medida xa que a xente para a calefacción e as tarefas agrícolas dos nosos gandeiros tiñan que seguir efectuándose de maneira normal. A súa vez, durante esta etapa o prezo do combustible estivo realmente baixo polo que nalgunhas ocasións produciuse un aprovisionamento superior o normal.

Cales son os plans de futuro de Gasóleos Ruxidoira?

Estamos barallando a posibilidade de instalar un punto de recarga para vehículos eléctricos, pero de momento tamén existe unha incerteza por ver cara onde van os tiros no relativo a mobilidade futura, a día de hoxe o punto de recarga é unha gran inversión sen retorno.