Skip to main content
Sarria

Dispoñible o documental Mulleres de Sarria na páxina do concello

Por 27 Setembro, 2021Sin comentarios

O documental Mulleres de Sarria, conversas sobre igualdade está dispoñible na canle de YouTube do Concello de Sarria e pódese acceder a el a través do enlace na páxina web do concello.

O audiovisual, promovido pola Concellería da Muller, Igualdade e Integración, é un proxecto realizado para visibilizar a mulleres de Sarria de distintos ámbitos, en diferentes etapas da vida. Nel abórdanse as súas vivencias e convérsase sobre igualdade.

O vídeo protagonizado por Milagros Vázquez Seijas (xubilada), María Pilar García Piñeiro (empresaria de panadería), Rosario Rey Lago (Técnica de Emerxencias Sanitarias), Teresa González Casas (gandeira e funcionaria), Carmen José López Rodríguez (avogada) e Belén Jiménez Vargas (estudante), abarca as súas vidas; cóntannos o seu punto de vista sobre os avances en igualdade con respecto ás xeracións anteriores e expoñen as contas que aínda temos pendentes en materia de igualdade de xénero.

O documental é unha ferramenta educativa que nos convida a reflexionar e afondar na igualdade de xénero dende o punto de vista de mulleres sarriás. Mulleres reais que falan dos retos en igualdade que aínda nos quedan por acadar.

Por esta razón, anímase a todas aquelas persoas que o desexen a visualizar a peza audiovisual presentada o pasado 14 de setembro na Casa da Cultura de Sarria.