Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Setembro, mes de vendima, o verán comeza a despedirse e o outono asoma timidamente coas súas cores máxicas. Castaño, verde, amarelo, un desfile digno de admirar. Vale a pena tomarse o tempo de sentar, disfrutar dunha copa de viño que che guste e deleitarse cunha boa vista mentres escoitas música. Ritual, experiencia completa de pracer ao alcance da maioría.

Música e viño forman unha parella perfecta, unha sinerxía chea de elementos compartidos. Oído, olfacto e gusto funcionando xuntos como unha máquina ben engraxada. Ata hai estudos que falan de sinestesia, de “maridaxe sonora”. ¿Quén non acompañou nalgunha ocasión a degustación dun bo viño co seu disco favorito ou sinxelamente, quén non lembra a banda sonora deses momentos especiais acompañados dalgunha que outra copiña de viño? Todo isto correspóndese coa teoría cognitiva que establece que a música estimula áreas específicas do cerebro. Somos “seres asociadores” e encántanos ligar melodías con instantes máxicos e fusionalos con outras percepcións. Entón, ¿por qué non facelo co viño? O psicólogo e profesor Adrian North da Universidade “Heriot Watt” de Edimburgo lidera un informe no que afirma que existe unha música para cada tipo de viño. Segundo os sons que se escoiten no momento da cata, cambiará dun xeito ou doutro o sabor e a nosa percepción do viño. Unha das investigacións realizadas para o estudo desenvolveuse nos supermercados, demostrando que as persoas son cinco veces máis proclives a comprar viño francés se se utiliza música ambiental de acordeóns. Quén sabe se escoitanto o son dunha gaita o noso cerebro se decantaría máis por unha copa de mencía en vez de rioja…

Chegados a este punto, gustaríame compartir a miña propia “maridaxe musical” e invítovos a que cada un explore nas súas lembranzas sonoras esa canción, esa música que fai que o noso cerebro se active e chore de ledicia. Aquí vai o meu “cadro sonoro vinícola”: Un solpor na Praia de Altar en Barreiros, a Ría de Foz á esquerda e a costa cantábrica cos seus acantilados e praias sen fin á dereita. De fronte o sol vai escapando detrás do Illote deixando unha luz tenue a piques de esmorecer. É o momento perfecto para tomar unha copa de godello acompañada de bossa nova. A voz de Astrud Evangelina Weinert, máis coñecida como Astrud Gilberto, é un bálsamo de paz e beleza. Cando ela canta a “Garota de Ipanema” o tempo discorre máis preguiceiro e maino, ata as gaivotas parecen relaxarse. Claramente debe tratarse dun efecto secundario da bossa nova, xénero musical de orixe brasileira xurdido nos barrios de Río de Xaneiro a mediados do século XX. Nomes como Antonio Carlos Jobim, Vinicius de Moraes ou Toquinho forman parte da historia da bossa xunto á miña queridísima Astrud.

Viño e arte sempre camiñaron da man e, de feito, existen infinidade de obras artísticas que dan boa conta diso e sitúan, dun xeito ou doutro, ao viño no centro. O certo é que a historia do viño remóntase entre 4.000 e 6.000 anos a. C. Segundo testemuños literarios e diversos materiais arqueolóxicos, Mesopotamia podería ser o berce do prezado zume de uva e o seu consumo estaba reservado aos círculos aristocráticos. É en Exipto onde atopamos as primeiras representacións que fan referencia ao viño, concretamente nos frescos das cámaras funerarias de Luxor e Sagqarah, nos que se pode apreciar de primeira man a importancia que os antigos exipcios outorgaban á viticultura.

“Os pobos do Mediterráneo empezaron a emerxer do barbarismo cando aprenderon a cultivar oliveiras e vides”. Esta cita do historiador grego Tucídides pon de manifesto a enorme importancia da viticultura no desenvolvemento económico-social de todas as rexións mediterráneas. A mitoloxía clásica narra que foi o deus Dioniso quen regalou aos homes as primeiras vides. Un dos exemplos máis representativos é o de “Hermes co neno Dioniso”, unha escultura grega de mármore atribuída ao escultor Praxíteles, do período clásico final.

Tiziano, Caravaggio, Velázquez, Rubens e un longo etcétera de grandes pintores retrataron a Baco, deus romano do viño, outorgándolle un lugar privilexiado no mundo artístico e na historia da humanidade.