Skip to main content
Comarca TERRACHÁXARábade TERRACHÁXA

Abre o prazo de inscrición nas escolas de música Crisanto

Por 8 Setembro, 2021Sin comentarios

A escola de música Asociación Músico Crisanto de Outeiro de Rei, Rábade, Begonte e Friol abriu o prazo de inscrición para o curso 2021-2022.

Como en cursos anteriores, realizarase preferentemente por internet, a través do formulario dispoñible na web da escola. Tamén pode realizarse esta inscrición contactando coa administración da Asociación Músico Crisanto no teléfono 678 800 245 ou presencialmente no Centro Sociocultural de Rábade en horario de oficina (consulte con anterioridade). Os/as habitantes  de Friol tamén poderán acudir presencialmente á Casa do Concello de Friol para realizar a matrícula.

No formulario xa é posible escoller unha proposta de horarios para as clases individuais ou compartidas no mesmo momento da inscrición. A Escola ou o profesor contactarán co alumno ntes do inicio do curso para confirmar o horario definitivo. Ademais, debido á situación actual, existirá tamén a posibilidade de decidir se desexaría continuar coas clases de modo virtual no caso de que as clases presenciais se teñan que volver suspender durante algún momento do novo curso.

Nesta Escola pódense cursar materias individuais (instrumento), de polo menos 1 hora de duración. En casos en que se requira, tamén se poden cursar clases de media hora (duración mínima ofertada) ou compartidas entre 2 ou 3 persoas (1h), previa autorización do profesor. Tamén se poderá escoller, xa no formulario de inscrición, unha proposta da súa preferencia de horarios, seleccionando dous tramos consecutivos de media hora. A proposta será confirmada unha vez remate o prazo de inscrición.

Tamén existen materias colectivas ou grupais (a partir de 4 persoas), que son de horario fixo. Asegúrese de que anota o horario e lugar de todas as materias grupais ás que quere asistir para que non coincidan coa súa proposta de horarios para as materias individuais e para que as aulas onde se imparten non queden moi afastadas entre si, en clases consecutivas.