Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

Remata o obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá

Por 27 Setembro, 2021Sin comentarios

Hoxe foron entregados os diplomas aos 20 alumnos participantes no obradoiro dual de emprego Cumes da Terra Chá IV, compartido polos concellos de Friol, Begonte e Rábade.

A Consellería de Emprego e Igualdade leva destinados 694.000 euros en dous anos a fomentar o emprego nestes municipios a través de senllos obradoiros. En outubro comezará unha nova edición desta iniciativa, que ofrecerá oportunidades laborais a outras 20 persoas desempregadas.

Ademais, ambos talleres, o que finaliza e o novo, inclúen a posibilidade de contratar a todos os alumnos-traballadores en empresas da zona por un mínimo de tres meses a xornada completa unha vez transcorrido o período de formación. Con ese obxectivo, a Xunta concede incentivos á contratación.

O obradoiro que agora remata impartiu os módulos de Pavimentos e albanelería de urbanización e Operacións de formigón, con seis alumnos; e Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, con catorce inscritos.

O traballo desenvolto por este obradoiro centrouse na cuarta fase da dotación de beirarrúas na marxe esquerda da estrada LU-231 no treito urbano de Friol; a pavimentación de rúas no barrio da Ponte de Rábade e o acondicionamento dun edificio municipal situado na praza Irmáns Souto Montenegro de Begonte, así como a execución de melloras na avenida Terra Chá de Baamonde.