Skip to main content
Axenda Caducada

Monforte e Begonte acollen senllos concertos do País das Bandas

Por 17 Setembro, 2021Setembro 19th, 2021Sin comentarios

Os concellos de Monforte de Lemos e Begonte acollen esta fin de semana senllos concertos do ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. As actuacións serán a cargo da Banda Artística de Merza, procedente do concello pontevedrés de Vila de Cruces, e da Banda Filarmónica de Lugo.

A primeira sesión terá lugar o sábado ás 20,00 horas no Edificio Multiusos de Monforte de Lemos, coa Banda Artística de Merza. Fundada no ano 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia. En 1930 dividiuse en dúas formacións, a Banda Nova e a Banda Vella, que se volverían xuntar nove anos despois. A finais dos anos 70 comeza a súa actividade a Escola de Música da Banda Artística de Merza, desde a que se potencia a creación de grupos de cámara e as bandas infantil e xuvenil. A agrupación suma máis dun cento de músicos federados.

Baixo a batuta de Mateo Gómez Naval, o repertorio previsto para o concerto do sábado inclúe as pezas Ortigueira, Cantuxa, La Gran Vía e Camiños da Fin da Terra. Soarán tamén 3ª suite for band, Joropo, Volvoreta e Muiñeira das Insuas de Gres.

Pola súa banda, Begonte acolle o domingo, ás 18,00 horas, a actuación da Banda Filarmónica de Lugo, que interpretará Pepita Greus, 3ª suite, Alborada e Saúdo a Lugo. Soarán tamén Moment for Morricone, El torico de la cuerda, Tributo a Mocedades, Churrusqueira e La ventanita. A Banda Filarmónica de Lugo nace en 2013 por iniciativa do seu director, Iván Martínez Sabio, entre outros músicos da cidade e co apoio da Sociedade Filarmónica de Lugo e do conservatorio Xoán Montes.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición  musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.