Skip to main content
Begonte

O PSOE preguntará polo plan de uso do CEIP de Baamonde

Por 30 Setembro, 2021Sin comentarios

Os socialistas rexistraron unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Goberno de Feijóo que demande do Concello de Begonte a remisión de xeito inmediato do proxecto e planificación dos usos que lle pretende dar ás instalacións do CEIP de Baamonde.

Así o anuncio o voceiro de Educación Luís Álvarez, quen lembra que “houbo unha intensa mobilización social no concello de Begonte tras a unificación por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade dos CEIP de Baamonde e CEIP Virxe do Corpiño nun único centro, trasladando o alumnado do CEIP de Baamonde ao CEIP Virxe do Corpiño. Alegando que ían empregar as instalacións do CEIP de Baamonde para un futuro conservatorio de música de incerta titularidade”.

Así as cousas advirte que “este asunto tamén foi obxecto de preocupación polo Grupo Parlamentario Socialista, que defendeu diversas iniciativas, tanto preguntas ao conselleiro como de proposicións non de lei, nas que se demandou a Consellería de Cultura, Educación e Universidade que mantivese en funcionamento o CEIP de Baamonde, desbotando calquera posibilidade de desafectar este centro. Xa que hai que lembrar que o número de alumnos situase seis veces por enriba do criterio establecido para pechar un centro educativo na Comunidade Autónoma de Galicia”, remarca Álvarez.

O voceiro de Educación critica que “todas as iniciativas encamiñadas a manter o centro en funcionamento foron rexeitadas cos votos do Grupo Parlamentario do Partido Popular, que deste xeito deu cobertura a unha proposta que partiu do Alcalde de Begonte, e que consideramos, xunto coas nais e pais do alumnado do CEIP de Baamonde e veciños, que é carente de fundamento”.

A día de hoxe “o CEIP de Baamonde foi pechado e o seu alumnado trasladado ao CEIP Virxe do Corpiño .Neste momento, xa iniciado o curso, non semella que exista ningún avance coñecido sobre o futuro uso das instalacións do centro”.

Por todo isto o Grupo Socialista quere saber, a través dunha pregunta rexistrada na Cámara Autonómica, “si ten solicitado o Concello de Begonte a desafectación parcial ou completa do CEIP de Baamonde?; e si ten trasladado algunha solicitude para a autorización dun conservatorio profesional de música nas instalacións do CEIP de Baamonde?, e quen sería o titular dese conservatorio profesional de música?. E si o Concello de Begonte trasladou á Consellería de Cultura, Educación Universidade algún proxecto ou planificación sobre os usos das instalacións do CEIP de Baamonde?”, sinala.

TRANSPORTE

Por último, Luís Álvarez e Patricia Otero lembran que recentemente mantiveron unha xuntanza coas familias afectadas polo peche deste centro xa que non se lles permite que o alumnado de Baamonde que se escolarizou no CEIP Santo Estevo de Parga en Guitiriz, facer uso do transporte escolar xa existente e que no seu percorrido pasa por Baamonde. “Seguiremos traballando para poñer luz e taquígrafos a este asunto, e denunciando a situación de abandono que sofren as familias afectadas”, avanzan.