Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O PSOE de Castro demanda un Pleno para “resolver as carencias sanitarias” da vila

Por 14 Setembro, 2021Sin comentarios

Os socialistas de Castro de Rei rexistraron a petición de celebración dun pleno extraordinario co fin de resolver as carencias sanitarias que sofre o Concello.

“Concretamente demandamos ao Pleno do Concello que inste á Conselleira de Sanidade para que actúe de xeito inmediato co fin de que se dote de médicos ao centro de saúde, xa que actualmente só conta cun só medico dos catro que están en plantilla, para atender a toda a unha poboación de máis de 5000 habitantes”, remarcou o Voceiro Socialista de Castro de Rei, José Luis Tellado.

Na iniciativa rexistrada explican que “no centro de Saúde de Castro Riberas de Lea conta en plantilla con 4 médicos para atender a toda poboación do noso Concello de máis de 5.000 habitantes. Pero nestes intres, tal e como puidemos comprobar só hai un para atender a toda a poboación, xa que dous profesionais están de baixa e outro está de vacacións”.

A maiores, sinalan que “coa irrupción da pandemia do covid-19 o Goberno de Feijóo executou políticas sanitarias no noso Concello moi lesivas contra a veciñanza que inclúe recortes, como no centro de saúde de Castro de Rei, onde tiñan que estar traballando un médico e un ATS, e hoxe só consulta un ATS tres días a semana”, critican.

Cita en 24 días

“Un só médico para atender a máis de 5.000 veciñas e veciñas, esta é a sanidade que nos deixa Feijóo e o PP, e despois enchéselles a boca de falar do rural e do polo industrial de Castro, cando nin sequera contamos con asistencia sanitaria digna na nosa vila. Este mesmo venres pasado puidemos comprobar ademais que a cita no centro de saúde a que nos remiten para as consultas presencias sería o vindeiro 4 de outubro, é dicir 24 dias despois de solicitala, un auténtico escándalo en pleno s.XXI”, advirten.