Skip to main content
Axenda TERRACHÁXACospeito

A Asociación de Pino retoma as actividades cunha xornada festiva arredor da torre de Caldaloba

Por 1 Setembro, 2021Setembro 2nd, 2021Sin comentarios

Despois dun parón forzoso por motivo da covid-19; a Asociación Recreativa Cultural de San Martiño de Pino inicia as súas actividades coa realización do I Magosto Cal da Loba, o cal se tivo que pospoñer o pasado ano. Tendo en conta as medidas sanitarias vixentes e co rexistro dos asistentes terá lugar o próximo 23 de outubro de 2021.

Nesta data tamén se dará a coñecer o fallo do I Certame de Debuxo Infantil A túa Caldaloba e o I Certame de Caligramas Constanza de Castro, ambos certames son convocados en colaboración con Culturalia GZ e Caldaloba.es co fin de reivindicar a relevancia histórica e cultural da Torre.

Este magosto contará cun amplo programa de actividades que se iniciarán ás 11.00 horas e que comezarán cunha andanina dende a escola do Mato ata o castelo de Caldaloba coa vestimenta de época.

O programa contará cun pregón a cargo de Martiño Maseda e a entrega do título honorífico Constanza de Caldaloba a Xesús Rábade Paredes.

Debido á situación sanitaria non haberá comida e pola tarde, a partir das 15.30 horas, habera recitais poéticos, contos a cargo de José Manuel Pena Regueiro e un xogo infantil de busca do tesouro para rematar coa celebración do magosto, que estará amenizado por música tradicional.

Será preciso inscribirse antes do 17 de outubro nos teléfonos da asociación: 664 464 939, 608 922 3345 e 633 906 517.