Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol acolle dende o luns un curso de manipulador de fitosanitarios

Por 14 Setembro, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto celebrar en Friol -dende o próximo luns 20 de setembro ata o venres 24- un curso básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios. Organizada pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Friol, a acción desenvolverase no centro colaborativo desta localidade. 

O curso -que contará cunha duración de 25 horas impartidas en horario de tarde- centrarase  en que os alumnos consigan unha formación adecuada sobre boas prácticas e sobre os sistemas de almacenaxe, transporte ou mantemento de produtos fitosanitarios e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

Así, ao longo do curso non só se tratarán os distintos produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, senón tamén os riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente como para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Así mesmo, trataranse cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas adecuadas para o seu control, ademais de especificar produtos fitosanitarios ilegais e os riscos asociados ao seu uso. 

Canto aos participantes, a acción está dirixida a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso de Friol e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico info@comarcadelugo.com. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982870338.