Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

A Xunta e o Concello de Friol asinan un convenio de colaboración para reformar o centro de saúde

Por 29 Setembro, 2021Setembro 30th, 2021Sin comentarios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a concelleira de Cultura do Concello de Friol, Ángeles Buján Burgo, asinaron esta mañá un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. Na sinatura, que tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta, estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fouz, e o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares Rico.

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 24.113 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do delegado territorial para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde desa localidade contarán, a partir do ano que vén, cun centro de saúde mellor e máis confortable, ademais de mellorar a eficiencia enerxética do edificio e aforrar no consumo.

As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán na renovación da carpintería exterior, a mellora do acceso ás consultas de pediatría e ampliación da sala de espera, a reparación de revestimentos vinílicos e da pintura, e a substitución das persianas.