Skip to main content
Muras

Muras, recoñecido de novo pola súa xestión do bono para abaratar o prezo da luz

Por 8 Setembro, 2021Sin comentarios

O sistema de bonos do Concello de Muras para abaratar o prezo da luz vén de ser recoñecido como un exemplo de xestión a nivel de toda España. Como explican, neste Concello, case a totalidade dos veciños pagan pouco ou nada pola factura da luz das súas vivendas. Pasaron xa seis anos desde a aparición deste novo sistema de axudas á veciñanza que se obteñen da rendabilidade que ofrecen os 381 aeroxeradores que hai no seu territorio.

O alcalde responsable da súa posta en marcha, Manuel Requeijo, lembra que “era un asunto de xustiza social inescusable. Foi o noso gran compromiso de goberno e o que, con toda seguridade, tróuxonos a este consistorio no ano 2015”. Nun concello onde case o 90% dos seus 619 habitantes son xubilados -en concreto, do sector agrícola-, todas aquelas familias con rendas inferiores a 15.000 euros non pagan nada polos seus contratos coas eléctricas. Pero a axuda non só vai dirixida a eles. O resto de fogares con ingresos máis altos tamén recibe descontos de ata o 90%.

Recoñecen as valías deste terreo, no que as altas e ventosas montañas da Serra do Xistral xeraron o caldo de cultivo ideal para que as multinacionais enerxéticas instalen os seus parques eólicos. Desde mediados dos anos 90, non pararon de acoller a construción de novos aeroxeradores. Con vinte parques eólicos diferentes e soamente 619 veciños, neste pequeno municipio lucense tocan a un muíño por cada dous habitante.

Esta xestión municipal xa obtivo recentemente o Premio Eolo de Integración Rural da Eólica 2021: “Os parques eólicos nesta zona supuxeron un importante desenvolvemento económico e social para o municipio, así como a integración dun modelo enerxético sostible co aproveitamento dos recursos naturais no marco dunha política de desenvolvemento sostible local”, xustificaba a Asociación Empresarial Eólica no comunicado de prensa no que facía público o galardón.

Neste análise do sistema de Muras, ao redor do 30% dos recursos municipais proveñen do sector eólico. Máis de 800.000 euros que entran nas arcas municipais a través do imposto de actividades económicas (IAE), o IBI de características especiais, ou as subvencións autonómicas como o Fondo de Compensación Ambiental. Sen embargo, o alcalde lembra  que “os 381 aeroxeradores instalados no noso territorio poderían estar a xerar 90 millóns de euros. Todo para empresas privadas como Acciona, Endesa, Iberdrola e Norvento, que explotan o potencial ambiental de Muras e levan os seus beneficios moito máis alá das fronteiras galegas, españolas e mesmo europeas”, lamenta Manuel Requeijo.

“As empresas do negocio eólico saben ben o que fan. Compran chans catalogados como rústicos a prezos irrisorios e, coa complicidade da Xunta de Galicia, transfórmanos en chans industriais”, remata o alcalde de Muras, Manuel Requeijo.