Skip to main content
Muras

Investirán 300.000 euros na humanización da praza da Galeguidade de Muras

Por 8 Setembro, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Muras, Manuel Requeixo, asinaron un convenio de colaboración para humanizar a contorna da praza da Galeguidade da localidade con 272.525€ que achegará integramente a institución provincial. A firma do acordo tivo lugar no propio lugar no que se vai actuar, ao carón do consistorio murés.

Tomé Roca puxo de manifesto que “o acordo que asinamos é un exemplo de colaboración entre dúas administracións -a Deputación de Lugo e o Concello de Muras- que buscamos o mesmo, que é mellorar a vida da xente, neste caso a través dun proxecto para que os veciños e veciñas teñan unha praza máis acolledora, accesible e bonita”. Concretou o mandatario provincial que “o rural da nosa provincia necesita actuacións coma esta que impulsa o Concello de Muras para ter futuro, para ser atractivo para a poboación máis nova e cómodo para as persoas maiores”.

Durante o acto de sinatura, no que tamén estiveron presentes a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e concelleiros e concelleiras da corporación local, o presidente tamén explicou que “as prazas, como esta da Galeguidade, son espazos físicos, pero tamén son espazos de convivencia e de memoria. Polo tanto, cando renovamos unha praza, non só melloramos a parte urbanística, senón que creamos comunidade e proxectos de futuro”.

Dar prioridade aos peóns

O proxecto contempla un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo humanizar o centro do concello de Muras, creando un novo espazo de convivencia que lle dará un maior protagonismo aos peóns e reducirá a velocidade dos vehículos que transiten por esta zona.

Vaise xerar unha única plataforma de pedra e formigón que unirá as fachadas dos edificios coa alameda da praza da Galeguidade, coa intención de unificar estas dúas zonas, e pola que transitarán tanto os vehículos como os peóns. Eliminaranse os banzos actuais para mellorar en accesibilidade tanto para as persoas con mobilidade reducida como para os carros dos bebés.

Ademais, esta obra servirá para renovar as subministracións públicas, como a rede de abastecemento de auga, pluviais, enerxía eléctrica e telecomunicacións. Así mesmo, esta zona dotarase de novas luminarias e de mobiliario urbano que ofreza unha maior calidade e comodidade para a veciñanza.

A rúa Apóstol Santiago modificará a súa actual bidireccionalidade, converténdose nunha estrada de dirección única en sentido ao Concello. Quedará prohibido o acceso á nova contorna dos vehículos que circulen en sentido ao Concello dende a rúa José Ramón Puentes.

A Deputación cos Concellos

O presidente incidiu en que a Deputación é o Concello dos Concellos e que proxectos coma este poñen de manifesto unha vez máis esta función. “Un concello de todos, que ten como obxectivo principal colaborar e axudar para que cada concello da provincia desenvolva iniciativas ou servizos que non poden abordar por si sós. Por iso, no camiño de traballar cara o futuro, os veciños e veciñas de Muras, o Concello, o alcalde e o equipo de goberno, contarán sempre co respaldo da Deputación de Lugo”.

“Dende a Deputación facemos un investimento moi importante neste proxecto, unha cantidade económica que case iguala ó percibido polo Concello de Muras a través do Plan Único deste ano 2021, que ascende a preto de 290.000€. Polo tanto, estamos falando de que, entre a aportación deste convenio e a do Plan Único, a Deputación achega a Muras máis de medio millón de euros para dotar de máis e mellores servizos e infraestruturas ós veciños e veciñas desta localidade”, apuntou o presidente.