Skip to main content
Muras

Comezaron as obras de mellora na casa consistorial de Muras

Por 26 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Muras iniciou os traballos de mellora de eficiencia enerxética da casa consistorial, obras que están a realizarse dende hai uns días con cargo ao fondo de compensación ambiental, ou canon eólico.

O alcalde da localidade, Manuel Requeijo, avanzou que as obras teñen un orzamento de 60.000 euros e unha data de finalización antes de finais de outubro.

O obxecto dos traballos consiste na mellora do tellado e das baixantes do inmoble.

Segundo explica Requeijo, a cuberta actual é do ano 89 e a intención e substituír o cemento que hai debaixo das lousas por un enrexado de ferro ao que se botará formigón para facelo máis compacto “e que non haxa filtracións”. Tamén se renovarán as baixantes de todo o inmoble.

O edificio tiña problemas de humidades polo que esperan que quedan solventados con estas actuacións.

Tamén está prevista a construción na planta principal dun baño adaptado para mellorar a accesibilidade do edificio, que xa fixo obras nas últimas datas sobre este particular como foi a colocación dun ascensor ou mesmo a construción dunha rampla na entrada.

Aproveitarase tamén para adecuar outro local como oficina.