Skip to main content
As Pontes

Endesa avanza que estudará manter o emprego ata outubro

Por 11 Setembro, 2021Sin comentarios

Endesa comprometeuse durante a reunión deste venres a estudar e analizar a posibilidade de manter máis aló de outubro o emprego tanto dos traballadores da empresa principal como das auxiliares que desenvolven o seu labor na central térmica das Pontes. Así o aseguran os representantes sindicais, que indican que a compañía daralles unha resposta a próxima semana.

Neste encontro participaron o vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde; o director de Relacións Institucionais e Regulación de Endesa, José Casas; e os integrantes do Comité de crise, formado por representantes sindicais, transportistas, Concello das Pontes, comerciantes e empresarios da localidade.

A reunión foi convocada trala concentración do xoves dos traballadores da empresa auxiliar Maessa, na que se anunciou un despedimento masivo por medio de ERE.

A multinacional eléctrica indicou que o proceso de peche “aínda está pendente de varios informes”. É por iso que os sindicatos lle teñen reclamada a recuperación da actividade da industria auxiliar para a paralización dos ERE extintivos e despedimentos.

Aínda que Endesa mostrou un compromiso co emprego “ata outubro, ao estimar que a partir dese mes xa estarían concretados os prazos”, os sindicatos rexeitaron esta medida para que vaia máis aló e piden “un esforzo” a Endesa.