Skip to main content
As Pontes

O Concello das Pontes e Cesuga colaboran no plan turístico da comarca

Por 30 Setembro, 2021Sin comentarios

A concelleira de Turismo, Consumo, Hostalería e Comercio do Concello das Pontes, Elena López, reuniuse a semana pasada con estudantes e profesores do grao de Arquitectura de Cesuga para comezar os seus proxectos de fin de grao nos que exporán respostas arquitectónicas e sostibles que fomenten o desenvolvemento turístico da comarca do Eume e, en especial, a contorna do lago pontés.

Os proxectos fin de grao englobaranse dentro da proposta do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino-Comarca do Eume, unha aposta que terá unha ampla importancia social, económica e ambiental para o desenvolvemento da zona e que busca, en palabras de Elena López, “aportar solucións que permitan regular os fluxos turísticos na comarca, incrementar o peso do turismo no territorio do Eume, a través do tratamento global da comarca, por medio da creación dunha oferta turística de calidade,arredor ás Fragas do Eume, que permita mellora a chegada de visitantes e turistas e repercuta positivamente e de forma directa sobre a poboación local”.

A concelleira de Turismo recibiu ás beiras do lago mineiro á delegación do centro universitario e explicou, de primeira man, o resultado da restauración da mina de lignito que alimentou durante décadas a central térmica do municipio.

Membros da Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume realizaron tamén unha presentación sobre a rexeneración producida tras o peche da explotación mineira, complementado cunha visita ao vertedoiro, antes almacén de restos mineiros e agora convertida en bosque autóctono.

O acceso a un dos depósitos de refrixeración da central térmica foi o que espertou o maior entusiasmo entre o corpo docente, pois o seu espectacular espazo interior “pode ser comparado cunha obra mestra da arquitectura como o Panteón romano”, en palabras de José Ramón Porto Álvarez, profesor de Proxectos en Cesuga e decano en funcións do Colexio Oficial de Arquitectos de Asturias.

A xornada tamén incluíu un percorrido polo poboado das Veigas, o que permitiu certificar o valor do singular patrimonio industrial que atesoura As Pontes.