Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reclama á alcaldesa as deficiencias no ciclo da auga

Por 10 Setembro, 2021Sin comentarios

Vilalba Aberta volve facer referencia ás deficiencias no ciclo da auga do termo municipal. Así, a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa a Pleno, co fin de urxir ao goberno municipal a que asuma as súas responsabilidades en relación, tanto cos problemas no leito do río Madalena ao seu paso por Vilalba, como cos específicos do lugar de Campo do Cristo, na parroquia de Goiriz,

Os episodios de choivas algo intensas neste final de verán ou en momentos caracterizados pola escaseza de precipitacións, implican desagradables consecuencias, tales como as que, nos últimos días, a veciñanza está a denunciar pola vía da difusión de imaxes nas diferentes redes sociais.

Así mesmo, a construción dun pozo de tormentas, exposta xa como solución dende a pasada década, non parece, ao xuízo de Vilalba Aberta, formar parte da folla de ruta do Goberno do PSOE, tal e como se encargou de explicar o seu voceiro municipal.

Para Modesto Renda, a xestión do PSOE ao respecto do saneamento “está a seguir exactamente os pasos da das lexislaturas do PP”, en clara alusión á inacción do goberno socialista ao respecto da que fora unha das súas bandeiras electorais.

“En Xaneiro de 2011, Xerardo Criado anunciou un convenio coa Xunta para a construción dun tanque de tormentas por valor de 900.000 e 10 anos despois, o  PSOE fai o mesmo coa Deputación destinando 850.000€ á reforma dun Parque Acuático. Namentres, o ciclo da auga en Vilalba segue a ser unha completa desfeita e as consecuencias pagámolas todos/as”.

O PROXECTO DA CHMS

Renda pedirá explicacións á alcaldesa, en relación coa paralización do proxecto redactado pola CHMS (Confederación Hidrográfica do Miño Sil) e cuxo orzamento, lembrou, “chegaba aos 1,7 millóns de euros, pois incluía a construción dun tanque de tormentas e a mellora do pretratamiento na EDAR, en tanto que infraestrutura que trata as augas residuais da maior parte do municipio.”

Unha opinión compartida pola súa compañeira na asemblea de Vilalba Aberta, Iria Currás, quen explicou que o conxunto destas obras “resolvería o problema dos vertidos de auga sen depurar ao río Madalena cando se producen choivas intensas.”

Así mesmo, ámbolos dous representantes avanzaron a intención da formación de interpelar ao goberno, en relación coa situación concreta do lugar de Campo do Cristo, na parroquia de Goiriz, co fin de analizar as posibles solucións ao problema de depuración de augas residuais no mesmo, que actualmente se verten sen depurar a un regato paralelo á estrada N-634.