Skip to main content
Vilalba

A oposición, preocupada polo futuro do orzamento e das axudas trala dimisión de Pavón

Por 14 Setembro, 2021Setembro 16th, 2021Sin comentarios

A dimisión do concelleiro socialista de Espazos Cidadáns, relacións coa veciñanza e servizo e primeiro tenente de Alcalde en Vilalba non deixou indiferente a ninguén. A dimisión, que se fixo pública na tarde onte, viña anunciada pola rumoloxía dende hai varios meses.

Nunha rolda de prensa, á que este medio non foi invitado, o concelleiro anunciou a súa intención de deixar o goberno “por motivos estrictamente persoais”, asegurando ter o respaldo do Goberno local, que preside Elba Veleiro.

De feito, a alcaldesa de Vilalba non deixou de lembrar que esta decisión era coñecida polo equipo de Goberno dende hai tempo “e nela levamos traballando dende que nolo comunicou”. “Haberá que restruturar as áreas”, como comunicou a alcaldesa, pero non deu unha pista de como pensan facelo ni con quen xa que, tamén deixa a dedicación parcial a concelleira de Cultura.

Polo de pronto, Elba Veleiro, que asistiu á rolda de prensa na que se comunicou a dimisión, lembrou que hai unidade e que o abandono do cargo político é “acollido polo meditado do asunto e que non supón ningunha crise para o Goberno local”.

Pavón ocupaba unha das concellerías máis controvertidas, xa que levaba temas de actualidade municipal e profundamente criticados pola oposición como son a limpeza, a recollida de lixo e o servizo de augas.

Pavón deixará o cargo no próximo pleno, previsto para finais de mes.

PARTIDO POPULAR

O ex alcalde e voceiro do Partido Popular, Agustín Baamonde afirmou que “malia respectar a decisión de dimitir, son insuficientes as explicacións”, e que “supón un prexuízo para Vilalba que as loitas internas e a loita polo poder ocupen máis tempo que a xestión dos asuntos municipais”.

O representante dos populares lembra que esta é a segunda crise de goberno que se produce nestes dous anos “e xa a primeira trouxo consecuencias graves como o feito de que continúe sen presentarse un orzamento.

Baamonde quixo deixar constancia de que coa saída de Pavón do Goberno local “retrasarase aínda máis cuestións cruciais para Vilalba como o contrato do lixo ou as axudas á hostalaría”.

O ex alcalde falou de que “cando os motivos para unha dimisión son evidentes ou se explican todos podemos comprendelo pero facelo deste xeito, con toda esa parafernalia de pedáneos e concelleiros, vese claramente que se trata dunha cortina de fume”.

Agustín Baamonde lembrou á alcaldesa que “a lei di que a persoa que substitúa a Pavón terá que ser a seguinte na listaxe, non pode estar falando de que aínda non sabe quen vai entrar no equipo de Goberno, eso quere dicir que hai tensións indisimuladas”.

“A impresión nosa é que o PSOE arde e chamusca a Vilalba, repercutindo na gobernanza e nos intereses dos vilalbeses.

VILALBA ABERTA

O partido ex socio de Goberno, que lidera Modesto Renda, explicou non ter valoración sobre a dimisión estritamente persoal e afirmou “desexarlle o mellor no futuro”. Do mesmo xeito non quixo facer valoracións a nivel interno no partido pero afirmou estar preocupado “por como vai afectar a vindeira reestruturación á xa de por si dinámica paralizante do Goberno en minoría do Partido Socialista, que leva  instalada dende o momento da rutura do pacto”.

Afirmou Renda que a proposta pasa polo “consenso municipal para resolver as cuestións dos vilalbeses. Seguimos sen orzamentos e só conseguiron desbloquearse as axudas a autónomos coa firma dun acordo”. Polo tanto, o partido asambleario pediu a alcaldesa “que resolva as cuestión da gobernanza e se poña en contacto con Vilalba Aberta para resolver as contas municipais. A nosa man está tendida, aos vilalbeses os problemas internos non lles importan”, concluiu.