Skip to main content
Vilalba

Convocados os concurso de poesía e debuxo da Tasca do Liño

Por 16 Setembro, 2021Sin comentarios

A Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua vén de convocar a unha nova edición dous concursos de poesía e debuxo con motivo da celebración da XIII edición da Tasca do liño, que terá lugar o 30 de outubro.

Así, repetirán por cuarto ano o concurso de debuxo infantil Insua e o Liño dirixido a todos os pequenos entre 7 e 13 anos residentes na provincia de Lugo.

A organización establece como temática do concurso o cultivo do liño, a Tasca, as fías do liño ou calquera elemento relacionado coa manifactura tradicional testa planta. Para elo, os participantes poderán presentar un máximo dun debuxo acompañado dunha breve descrición.

O prazo de participación xa está aberto e permanecerá así ata o 21 de outubro xa que os premios serán entregados ao gañador no transcurso da feira do día 30. Ese mesmo día haberá unha exposición con todos os traballos presentados.

Os premios consistirán en vales de compra de material escolar e diploma. Para o primeiro será de 100 euros, para o segundo de 55 e para o terceiro de 35 euros.

Paralelamente este ano volve convocarse a segunda edición do outro certame, nesta ocasión de poesía, que ten como obxectivo involucrar aos mozos no coñecemento e recuperación do cultvio tradicional. Deberán ser orixinais e non terse presentados noutros concursos.

As pezas terán a mesma temática que os debuxos cun máximo de tres carillas escritas en galego, en follas A4, letra Times New Roman, corpo 12, interiñado 1,5.

Nesta ocasión, o concurso está dirixido a rapaces e rapazas maiores de 18 anos e admitirase un único poema por persoa. O prazo de entrega de orixinais remata tamén o 21 de outubro e os premios, que consistirán tamén en vales de compra de libros, entregaranse durante a feira.